Nova: Patrimonio valora positivamente a proposta para a posta en valor da Ponte Nafonso
26/04/2019
Patrimonio valora positivamente a proposta para a posta en valor da Ponte Nafonso
O Consello Territorial da provincia tamén informou favorablemente á rehabilitación e acondicionamento das Torres do Allo de Zas
A Coruña, 26 de abril de 2019.- O Consello Territorial de Patrimonio de Galicia deu o visto bo a varios proxectos e actuacións na provincia nos concellos de Boiro, Serra de Outes, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Cambre, Padrón, Santa Comba, Santiso e Zas
Na comarca do Barbanza, o Consello de Patrimonio aprobou, en Serra de Outes, o proxecto presentado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de posta en valor da Ponte Nafonso para levar a cabo as obras de mellora do mesmos con algúns axustes. Ademais, en Boiro deuse o visto bo á mellora medioambiental no estuario do río Coroño, tramo do Coido ao Pazo de Goiáns, pendente da aportación de máis documentación. Na Pobra do Caramiñal valorouse positivamente a reparación do cruceiro do Cristo do Pichón.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte valorouse positivamente en Zas a rehabilitación e acondicionamento das Torres do Allo.
Na comarca de Santiago de Compostela deuse o visto bo en Padrón ás obras de reforma para a adaptación e mellora do edificio multiusos no Xardín Botánico, condicionado á realización dunha serie de axustes. En Santa Comba autorizouse a demolición dunha construción tradicional e a construción dun muro, portal e porta peonil no lugar de Arantón condicionado ao cumprimento dunha serie de requisitos técnicos. Finalmente, en Santiso aprobouse a restauración do cruceiro en San Xoán de Visantoña.
Na comarca da Coruña, e máis concretamente na cidade da Coruña, o Consello valorou positivamente a instalación dun paso de peóns no Castelo de San Antón . Ademais, deu o visto bo á celebración da IV Romaría Galaico Romana “Galaicoi” no castro de Cambre.