Nova: O CGAC é escenario da performance sonora CACTUSWORKESTRA
16/10/2014
O CGAC é escenario da performance sonora CACTUSWORKESTRA
Trátase dunha instalación na que os participantes poden tocar ou escoitar cactos coma se fosen instrumentos musicais
Desenvolverase desde o venres día 17 ata o domingo e está dirixido a todos os públicos, pero especialmente aos máis pequenos
Santiago, 16 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle CACTUSWORKESTRA, unha instalación e performance sonora dirixida polo artista portugués João Ricardo de Barros Oliveira na que os cactos son tratados como instrumentos musicais que o público pode tocar ou escoitar.
Este evento enmárcase dentro do programa didáctico AdesTempo das Xornadas de Música Contemporánea, que teñen como obxecto procurar o achegamento dos máis novos á música contemporánea e á creación actual. Ditas Xornadas están promovidas polo CGAC, o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Nacional de Difusión Musical, e contan co apoio e colaboración doutras institucións.
A CACTUSWORKESTRA xorde dunha viaxe por Chile na que o artista João Ricardo de Barros Oliveira descobre as posibilidades sonoras dos pinchos dos cactos. A partir desa experiencia, o artista portugués idea e dirixe unha creación plástico-sonora baseada na performance e na acción directa. A performance é aberta a todas as persoas que desexen asistir e precisa a participación activa de vinte intérpretes para interactuar cos cactos sonoros. A preparación e sonorización dos cactos convérteos en instrumentos cos que cada persoa busca a mellor unión sonora e visual e axusta novos tons e sons.
Con este proxecto o artista busca motivar ao público para desenvolver a súa sensibilidade sonora e o seu sentido crítico, cambiar as actitudes e valores no espazo envolvente e espertar a curiosidade sobre os sons perdidos e inesperados.
João Ricardo de Barros Oliveira (Viana do Castelo) traballa entre Portugal e Alemaña, onde centraliza a súa actividade de músico-escultor plástico-sonoro. Desde hai máis de dúas décadas dedícase á experimentación estética e sonora, buscando novas linguaxes nas que a escultura e os obxectos sonoros que constrúe a partir de elementos recuperados do lixo se transforman en arte sonora e que se poden ver no web www.lixoluxo.com.
Ao longo da fin de semana terán lugar no auditorio do CGAC cinco pases da performance sonora dirixidas a todos os públicos.
Mañá venres 17 de outubro terá lugar un pase dirixido a escolares de Educación Primaria ás 11:00 h. O sábado 18 de outubro haberá sesións ás 12.30, 17.30 e 19.00 h. E o domingo 19 de outubro ás 12.30 e ás 17.30 h. A duración de cada pase será de 25 minutos aproximadamente.
A entrada é libre e gratuíta até completar as localidades. Os/as nenos/as a partir de 8 anos poderán formar parte da CACTUSWORKESTRA con inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo cgc.actividades@xunta.es até o venres ás 14.00 horas.