Nova: Cita coa música antiga en Monforte de Lemos con Espazos Sonoros
17/10/2014
Cita coa música antiga en Monforte de Lemos con Espazos Sonoros
O Pazo de Tor será o escenario dun obradoiro de achegamento á música antiga e aos seus instrumentos de tecla, que terá lugar mañá ás 17:30 horas
A vindeira sesión do ciclo, o 25 de outubro, ofrecerá en Ribadavia unha instalación artística baseada na danza, no ‘live cinema’ e na experimentación sonora
Santiago, 17 de outubro de 2014.- A música antiga é a protagonista da vindeira sesión do ciclo Espazos Sonoros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que mañá sábado chega a Monforte de Lemos cun obradoiro para coñecer e gozar dos instrumentos antigos de tecla.
Esta actividade de achegamento á música antiga dirixida a todos os públicos, para a que xa están cubertas as 50 prazas dispoñibles, desenvolverase ás 17:30 horas e terá como escenario o pazo de Tor. No salón da música poderanse contemplar auténticos exemplares de instrumentos antigos de tecla, algún deles propiedade da familia que habitou o pazo. Un ‘organetto’, unha espineta, un clavicordio, un piano organizado e un fortepiano centrarán esta actividade, da man de intérpretes especialistas que introducirán os asistentes nas sonoridades e particularidades destes instrumentos e da música que con eles se interpretaba.
Previamente ao obradoiro, ás 16:30 horas, está prevista unha visita guiada para as persoas que participen no obradoiro polas dependencias do pazo, os xardíns e as construcións adxectivas que completan este singular conxunto do século XVIII, ocupado ata datas recentes.
Espectáculo multidisciplinar en Ribadavia
A próxima cita deste festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura fará parada na localidade ourensá de Ribadavia, o vindeiro sábado 25 de outubro. Ás 19 horas, a igrexa da Magdalena acollerá a instalación artística multidisciplinar Micro Impactos, unha obra que xorde ao abeiro do proxecto Voltage Opposites e que afonda na interrelación entre a danza contemporánea, o ‘live cinema’ e a experimentación sonora, a cargo de Paula Quintas, Xoán-Xil López e Adriana Pazos.
Concerto de clausura con Xoán Curiel
Desde o pasado 26 de setembro e baixo a dirección artística de Belén Bermejo, Espazos Sonoros 2014 está a ofrecer unha completa programación artística en espazos únicos das catro provincias galegas, que se prolongará ata o próximo 26 de outubro. Ese día, o cantautor Xoán Curiel poralle o broche ao festival cun concerto que terá lugar ás 12:30 horas no poboado mineiro de Fontao, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Antes da actuación, ás 11 horas, a historiadora Encarna Otero realizará un percorrido guiado polo poboado.
A programación do ciclo pode consultarse en espazossonoros.org e en cultura.gal.