Nova: Adegas do Ribeiro e o Teatro Principal de Ourense acollen eventos do Focus Galicia
17/10/2014
Adegas do Ribeiro e o Teatro Principal de Ourense acollen eventos do Focus Galicia
A programación inclúe actuacións especiais de Abe Rábade e Daniel Minimalia nas adegas Viña Mein e Ramón do Casar; as actuacións de Caxade e Cuarteto Caramuxo no Principal; así como visitas culturais á comarca e á cidade das Burgas
O obxectivo desta programación, que se desenvolve tamén na Coruña e Santiago nos días previos a Womex, é impulsar a posta en valor e a proxección internacional da nosa música e da nosa cultura
Ourense, 17 de outubro de 2014.- A cidade de Ourense e a comarca do Ribeiro centrarán este martes 21 a actividade do Focus Galicia, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que busca impulsar a proxección internacional da nosa música a través do encontro entre artistas galegos e programadores chegados de 16 países de catro continentes.
O conselleiro Xesús Vázquez Abad presentou hoxe as actividades previstas na provincia de Ourense, que –xunto con Santiago e A Coruña– constitúe un dos destinos específicos desta delegación internacional. Os 27 xestores musicais que a integran participarán en visitas culturais e turísticas, ademais de asistir a cadanseu ‘showcase’ de Abe Rábade e Daniel Minimalia nas adegas Viña Mein e Ramón do Casar e ao concerto que Caxade e Cuarteto Caramuxo ofrecerán ás 19.00 horas no Teatro Principal.
Este último concerto estará tamén aberto ao público xeral como xeito de compartir Focus Galicia coa cidadanía. A entrada será gratuíta, previa recollida dos convites no despacho de billetes do Principal (o luns, de 12.00 a 14.00 h, e o propio martes desde as 17.00 h).
O titular de Cultura e Educación estivo acompañado nesta presentación polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, así como polos representantes das institucións e entidades ourensás que colaboran na iniciativa: o asesor de Política Cultural da Deputación Provincial, César Fernández; o presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez; e a directora xerente do Teatro Principal, Olga Mojón, ademais do músico Daniel Minimalia.
Axenda profesional
Durante a súa intervención, o conselleiro detallou a axenda profesional e artística deste martes, que dará comezo cunha visita á comarca do Ribeiro, onde os participantes poderán degustar os produtos típicos da terra nun xantar que irá precedido de catas especializadas. Como explicou Vázquez Abad, ambas as actividades contan co apoio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que ten unha activa participación neste encontro co obxectivo de amosarlle á comitiva os vínculos entre o noso patrimonio cultural e unha tradición vitivinícola perfectamente integrada no tecido industrial galego.
Ademais, na Adega Viña Mein celebrarase un ‘showcase’ a cargo de Abe Rábade, pianista compostelán formado no Berklee College of Music, que ten participado en numerosos seminarios de jazz de Europa e América e na actualidade é director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Pola súa banda, a Adega Ramón do Casar, inaugurada recentemente, acollerá a actuación do músico ourensán Daniel Minimalia, que tras a gran proxección internacional do seu disco de debut, distribuirá o seu segundo traballo, ‘Arenas de Luna’, no mercado norteamericano e europeo.
Tras estas sesións os participantes dirixiranse a Ourense, onde realizarán unha visita guiada centrada fundamentalmente nas Burgas e no casco histórico da cidade. Farase especial fincapé no percorrido por espazos de actividade cultural e tamén en locais de música ao vivo e en entidades dedicadas á promoción da música galega.
A comitiva rematará o seu percorrido ourensán no Teatro Principal, co concerto de Caxade, novo referente do indie-folk galego, e do Cuarteto Caramuxo, banda que se define a si mesma como o único cuarteto do mundo con seis compoñentes e que destaca pola súa reinterpretación da tradición musical galega.
Programa previo a Womex
Focus Galicia arranca este mesmo domingo en Compostela para desenvolver un intenso calendario de actividades profesionais nas xornadas previas á celebración de Womex, o meirande mercado internacional para as músicas do mundo, que se celebrará en Santiago do 22 ao 26 de outubro. De feito, os 27 xestores musicais convidados foron seleccionados entre os principais delegados acreditados nesta feira profesional.
O programa, que a Consellería organiza a través da Agadic, busca aproveitar a viaxe destes profesionais para impulsar a proxección exterior da música de Galicia –promovida desde a Xunta baixo a marca GalicianTunes–, ao tempo que se difunde o noso patrimonio cultural e mesmo paisaxístico. Esta delegación está integrada por representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais procedentes de países tan diversos como Alemaña, Austria, Brasil, Canadá, Colombia, Francia, Holanda, India, Irlanda, Marrocos, Polonia, Portugal, Noruega, Reino Unido e Xapón, así como do resto de España.