Nova: Os concertos de Radio Cos, Som do Galpom e Banda Crebinsky abren Focus Galicia

18/10/2014

Os concertos de Radio Cos, Som do Galpom e Banda Crebinsky abren Focus Galicia

A Sala Capitol acolle ás 21.30 horas este festival, de entrada gratuíta, co que dá comezo unha iniciativa que se desenvolverá en Compostela, A Coruña e Ourense nos días previos a Womex e á que están convidados programadores de 16 países

O cartel inclúe as actuacións de Najla Shami e Luar na Lubre este luns 20 no Teatro Rosalía da Coruña e de Caxade e Cuarteto Caramuxo o martes 21 no Teatro Principal de Ourense

Os 27 axentes musicais desprazados a Galicia –representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais– asistirán tamén a ‘showcases’ de Sumrrá, Rosa Cedrón, Abe Rábade, Daniel Minimalia e Sés, ademais de a reunións de traballo e visitas culturais para coñecer de primeira man a nosa música e cultura

 

  • Banda Crebinsky Unha das bandas que actúan no Focus Galicia, a Banda Crebinsky

Santiago, 18 de outubro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibe mañá domingo os 27 programadores musicais que se desprazarán desde 16 países de catro continentes para asistir a Focus Galicia, programa que se desenvolve en Santiago, A Coruña e Ourense nos días previos a Womex co obxectivo de impulsar a proxección internacional da nosa música a través de ‘showcases’, reunións profesionais e visitas culturais.

En nome da Consellería, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, será o encargado de darlle a benvida a esta delegación internacional na recepción que se celebrará mañá, ás 19.00 horas, no Hotel NH Obradoiro de Compostela. O programa de concertos arrancará a continuación co Focus Galicia Festival, que terá lugar ás 21.30 horas na Sala Capitol con Radio Cos, Som do Galpom e Banda Crebinsky. Esta será unha das tres citas abertas ao público xeral, que neste caso poderá acceder de xeito gratuíto previa recollida dos convites hoxe na billeteira do Teatro Principal, entre as 18.00 e as 21.00 h, e mañá na propia sala desde as 20.30 horas.

A Coruña e Ourense
Nos días seguintes, Focus Galicia ofrecerá cadanseu concerto na Coruña e en Ourense. Así, o Teatro Rosalía Castro coruñés acollerá as actuacións de Najla Shami e Luar na Lubre este luns día 20, ás 19.00 horas (os convites poden retirarse na billeteira central da praza do Ourense nos seus horarios habituais e o día do concerto, no propio teatro de 12.00 a 14.00 e a partir das 18.00 horas).

Pola súa banda, o Teatro Principal de Ourense será o escenario dos concertos de Caxade e Cuarteto Caramuxo o martes 21, ás 19.00 horas. Neste caso, as invitacións poden recollerse no despacho de billetes do teatro o día 20, de 12.00 a 14.00 horas, e o propio martes desde dúas horas antes do comezo das actuacións.

Ao tempo, Focus Galicia desenvolverá un intenso calendario de actividades profesionais a través das que os xestores musicais convidados –seleccionados entre os principais delegados acreditados este ano en Womex– terán a oportunidade de entrar en contacto directo coa riqueza musical e cultural de Galicia.

De feito, Cultura e Educación organiza este programa, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, co obxectivo de aproveitar a viaxe destes profesionais para impulsar a proxección exterior da música feita en Galicia –promovida desde a Xunta baico a marca GalicianTunes–, ao tempo que se difunde o noso patrimonio cultural e mesmo paisaxístico. Esta delegación está integrada por representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais procedentes de países tan diversos como Alemaña, Austria, Brasil, Canadá, Colombia, Francia, Holanda, India, Irlanda, Marrocos, Polonia, Portugal, Noruega, Reino Unido e Xapón, así como do resto de España.

Axenda profesional
Como base de operacións desta comitiva internacional, Santiago acollerá tamén varios ‘showcases’ profesionais na Casa das Crechas (Sumrrá e Rosá Cedrón o luns 20, e Sés o martes 21), así como un encontro entre os convidados e os representantes de diferentes empresas musicais galegas que, a modo de ‘speed meeting’, se levará a cabo o mércores 22, ás 11.00 horas, na Cantina da Cidade da Cultura de Galicia.

O luns día 20 visitarán A Coruña, cunha primeira parada no Obradoiro de Gaitas Seivane, en Cambre, onde serán recibidos pola gaiteira Susana Seivane e a súa familia. Xa pola tarde e tras unha visita guiada pola cidade herculina, os programadores asistirán tamén ao concerto público do Teatro Rosalía.

No terceiro día de actividade, o martes 21, porán rumbo cara á terra do Ribeiro para coñecer os vínculos entre o patrimonio cultural, a práctica ancestral do cultivo da vide e a inserción do sector vitivinícola no tecido industrial. No seu percorrido, achegaranse ás adegas Viña Mein e Ramón do Casar, onde actuarán Abe Rábade e Daniel Minimalia. Pola tarde, terá lugar unha visita á cidade das Burgas, ademais do concerto no Principal.

Unha comisión independente encargouse de seleccionar a carteleira musical de Focus Galicia entre os grupos e artistas galegos presentados inicialmente á convocatoria de Womex. A calidade, a variedade e o potencial internacional foron os criterios tidos en conta á hora de compoñer esta programación, que servirá de complemento e reforzo á oferta artística galega que se presentará en Womex nos días seguintes, coas actuacións de Davide Salvado na selección oficial da feira, Germán Díaz e Uxía no escenario Atlantic Connections, e Budiño, Mercedes Peón e Xabier Díaz no concerto de apertura.
 

Comparte