Nova: A programación da Fundación Camilo José Cela centrarase no aniversario da concesión do Nobel

18/10/2014

A programación da Fundación Camilo José Cela centrarase no aniversario da concesión do Nobel

A Fundación Pública oferta un extenso catálogo de actividades educativas que comezará coa inauguración dunha exposición homenaxe ao poeta ovetense José García Nieto polo centenario do seu nacemento

  • O premio Nobel Camilo José Cela O premio Nobel Camilo José Cel

Iria Flavia (A Coruña), 18 de outubro de 2014.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, acaba de presentar a súa programación cultural para este último trimestre do ano na que cobra especial relevancia a conmemoración do XXV aniversario da concesión do premio Nobel ao escritor padronés. A Fundación de Iria Flavia abrirá esta celebración mañá domingo día 19 coa activación en Twitter e en Facebook do proxecto #UnNobelPara coa que a institución pretende render homenaxe a todos aqueles grandes escritores que non conseguiron acadar nunca este galardón porque -en palabras do propio Camilo José Cela referíndose a Don Pio Baroja- “la candelita del acierto no siempre alumbra la cabeza del justo”.

Ademais, dende o 23 de outubro ata o 10 de decembro terá lugar o ciclo de conferencias denominado “Conversaciones de café” no que diversos expertos acudirán a establecementos hostaleiros de Padrón a conversar e debater sobre distintas materias. Concretamente as conversas serán cada 15 días ás 20,00 horas e versarán sobre periodismo (Casino - 23 de outubro), o Camiño de Santiago (Chef Rivera - 6 de novembro), saber vivir (Café-Cultural Airiños - 20 de novembro) e arqueoloxía (Casa dos Martínez - 4 de decembro) e contarán coa participación de Ernesto Sánchez Pombo, Francisco Singul, Nel Rodríguez Rial e David Fernández Abella.

O día 10 de decembro clausurarase este ciclo na sede da Fundación en Iria Flavia cunha mesa redonda sobre a evolución da literatura nestes vinte e cinco anos e coa celebración dun concerto-homenaxe aberto a todos os públicos.

Programa educativo
Doutra banda, o día 24 de Outubro terá lugar na sede da Fundación unha xornada de portas abertas para o profesorado na que se presentará a programación educativa cara este curso 2014/2015 e o libro multimedia elaborado en colaboración coa Fundación Barrié “Camilo José Cela Trulock: un creador total” e que se enmarca dentro da colección “Máis libros, máis libres” de Educabarrié.

Con esta unidade interactiva, con recursos específicos para a análise do escritor e das súas obras principais, ambas entidades pretenden afondar na figura do premio Nobel fomentando o uso das TIC dentro da aula. Toda a programación educativa da Fundación é de carácter gratuíto e poderá consultarse a través do enlace http://camilinho.josesinho.blogspot.com.es

Exposición “José García Nieto: Viaje a vela por mi sueño”
A súa vez, ese mesmo día 24 inaugurarase a primeira exposición temporal do curso e que estará dedicada á figura do tamén premio Cervantes e Nacional de Literatura por dúas ocasións, José García Nieto.

Coa mostra “José García Nieto: Viaje a vela por mi sueño” a Fundación adhírese ás homenaxes polo centenario do seu nacemento amosando ao público diversos aspectos da súa ampla bagaxe cultural, mantendo coma fío condutor as famosas conversas do Café Gijón e sacando á luz parte do gran legado bibliográfico que se conserva en Iria e que foi doado gratuitamente á Fundación polo propio autor. Esta exposición estará aberta ao público ata mediados de xaneiro de 2015.

Comparte