Nova: Faite Dixit@l! premia a innovación e a creatividade en aplicacións para móbiles
19/10/2014
Faite Dixit@l! premia a innovación e a creatividade en aplicacións para móbiles
Poden participar todos os maiores de 18 anos e persoas autónomas que o desexen, galegos ou con residencia en Galicia
O gañador recibirá un computador portátil de última xeración
O prazo de presentación de propostas finaliza o próximo 28 de novembro
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración de Fundetec, convoca o "Primeiro Concurso 'Faite Dixit@l!' de Aplicacións para Móbil”. O certame, que se enmarca dentro da iniciativa de capacitación tecnolóxica Faite Dixit@l, busca recoñecer a creatividade na elaboración de ferramentas tecnolóxicas que melloren a dispoñibilidade de recursos para a cidadanía e fomentar o uso da tecnoloxía de código aberto.
O concurso está aberto á participación de persoas físicas maiores de 18 anos, e a persoas autónomas, galegos ou con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, que deseñen e desenvolvan unha aplicación para uso en smartphone -en linguaxe compatible –creada a partir de software libre- nos ámbitos educativo, social ou cultural, de lecer, deporte ou turismo. Ata o próximo 28 de novembro está aberto o prazo de presentación das aplicacións, que se poderá realizar seguindo as instrucións publicadas na páxina web www.faitedixital.es.
O xurado, que se dará a coñecer antes do veredicto a través da web www.faitedixital.es, terá en conta para elixir o gañador do concurso a orixinalidade e innovación da aplicación, a súa usabilidade, o uso integrado doutros dispositivos do terminal (cámara, gps,...), a solidez técnica da aplicación, a satisfacción a través do seu uso dunha necesidade social vinculada á materia elixida e a reutilización da información pública do portal Open Data da Xunta de Galicia, Abert@s.
Premio
O gañador do concurso recibirá un computador portátil profesional Hewlett-Packard 2-en-1 convertible en tablet, cedido por Hewlett-Packard. Ademais, a criterio do xurado, serán entregados catro diplomas para recoñecer a calidade e utilidade das aplicacións presentadas: Negocio (mellor perspectiva de negocio dunha aplicación), Valor Social (maior utilidade dunha aplicación para a sociedade), Deseño (mellor deseño dunha aplicación) e Usabilidade (mellor uso e máis sinxelo manexo).
As aplicacións galardoadas daranse a coñecer durante un evento o próximo mes de decembro, no que, ademais, levará a cabo a presentación pública da aplicación gañadora por parte do seu autor.
Iniciativa Faite Dixit@l
O "Primeiro Concurso 'Faite Dixit@l!' de Aplicacións Móbiles" forma parte das actividades que desde o pasado mes de setembro desenvólvense a través dos centros da Rede CeMIT, dirixidas a propiciar o empoderamento dos usuarios en materia tecnolóxica para favorecer a súa empregabilidade coa tecnoloxía e a sociedade da información como base. 'Faite Dixit@l! ofrece máis de 1.800 prazas para a participación nas 140 actividades programadas.
As bases do concurso poden consultarse na dirección web www.faitedixital.es. Tamén pode seguirse a información sobre o concurso a través das canles sociais do proxecto 'Faite Dixit@l!' (www.facebook.com/faitedixital ewww.twitter.com/faitedixital