Nova: GaliciaLe pon ao dispor dos usuarios das bibliotecas públicas máis de 1.700 libros electrónicos

20/10/2014

GaliciaLe pon ao dispor dos usuarios das bibliotecas públicas máis de 1.700 libros electrónicos

O catálogo deste novo servizo en liña  está composto por libros e audiolibros en galego e castelán, e prevese amplialo con álbums ilustrados, o que será unha oferta pioneira no Estado

Os usuarios e usuarias poderán acceder a estes recursos de xeito gratuíto as 24 horas do día os 365 días do ano a través da páxina web galiciale.es
 

  • Plataforma virtual de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe Plataforma virtual de préstamo de libros electrónicos GaliciaLe

Santiago, 20 de outubro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, referiuse hoxe ao novo servizo en liña da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia GaliciaLe como “un fito na accesibilidade da cidadanía aos recursos culturais, de forma totalmente gratuíta”. De feito, este programa suporá, xa de inicio, poñer ao dispor das usuarias e dos usuarios das bibliotecas públicas galegas un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e en castelán, cun total de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.200 descargas durante as 24 horas do día os 365 días do ano.

“Ademais, temos previsto que, en breve, esta colección se vexa ampliada con novas obras e licenzas, así como con álbums ilustrados e un libro interactivo, o cal suporá unha novidade importante, xa que se trata dunha oferta de contidos dixitais en galego para os máis pequenos pioneira en España”.

Durante a rolda de prensa de presentación, o titular do departamento de Cultura e Educación explicou que esta novo espazo virtual para o préstamo de libro electrónico, accesible en www.galiciale.es, responde ás necesidades dos usuarios e usuarias e pon ao seu dispor nas bibliotecas públicas un produto que, de feito, xa é unha realidade en moitos casos no seu consumo. “Deste xeito, avanzamos no cumprimento dun dos principios e valores de actuación aplicables en materia de bibliotecas recollidos na Lei de bibliotecas, a adaptación ao ámbito dixital e multimedia e a prestación dos servizos tanto de modo presencial como mediante procedementos telemáticos”.

No acto informativo participaron, ademais do conselleiro, a subdirectora xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Concepción Vilariño; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería, Cristina Rubal.

Vázquez Abad puxo en valor o traballo que cada día desenvolve o persoal das bibliotecas, tanto de asesoramento como no que atinxe á realización de actividades de formación en novas tecnoloxías dos usuarios e usuarias; “técnicos que constantemente renovan a súa cualificación para ofrecer o mellor dos servizos e, neste caso concreto, contribuír a que ningún de nós perdamos o tren da lectura dixital”. Neste sentido felicitou tamén a Amtega polo labor que está a realizar para romper coa fenda dixital, “mellorando a conectividade de todo o territorio e facilitando así a difusión de programas coma este en todos os recunchos de Galicia”.

Pola súa parte Mar Pereira afirmou que a Administración galega asumiu hai cinco anos o reto de conseguir que todos os galegos teñan acceso a uns servizos públicos dixitais de calidade e que GaliciaLe é unha excelente ferramenta para facilitar o acceso a lectura na nosa comunidade, na que máis do 22% dos galegos, que compran por Internet, adquiriron libros revistas e xornais no último ano e preto do 60% prefire descargar libros electrónicos en vez de recibilos por correo postal, 4 puntos por riba da media estatal.

A responsable da política tecnolóxica da Xunta sinalou que GaliciaLe é unha peza nunha estratexia global que, no medio prazo, ten como obxectivo que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que permita acceder online a todos os fondos bibliográficos da rede de bibliotecas de Galicia.

Préstamo dixital gratuíto
GaliciaLe é a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas galegas, desenvolvida pola Consellería en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades de lectura neste formato poñendo á disposición da cidadanía galega unha importante colección de títulos actuais en formato electrónico, en galego e en castelán, de xeito gratuíto.

Este novo servizo en liña supón un importante fito na ruptura das dificultades que a dispersión xeográfica pode supoñer en Galicia para o acceso ao cultura, xa que as descargas poderán realizarse desde a casa, sen necesidade de desprazarse á biblioteca.

Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.
A colección está composta por 1.710 títulos que cobren diferentes campos da cultura e do coñecemento e van dirixidos tanto ao publico adulto como infantil, estruturados en oito campos: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado.

Estender a lectura e ampliar as coleccións
Con este novo servizo bibliotecario, ademais de ofrecerlle a toda a cidadanía a posibilidade de tomar en préstamo, de forma gratuíta, obras en formato dixital, a Consellería de Cultura e Educación tamén pretende estender a lectura a novos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas públicas; aumentar o volume, a actualización e a diversidade de contidos e de soportes das coleccións das bibliotecas públicas galegas; e impulsar o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actuais.

Comparte