Nova: O CGAC convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea dotado con 3.000 euros
14/06/2019
O CGAC convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea dotado con 3.000 euros
O galardón ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento neste eido a través da presentación de traballos inéditos redactados en galego
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2019.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) convoca o II Premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, dotado con 3.000 euros. O obxectivo desta iniciativa é promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega.
Segundo se recolle nas bases da convocatoria, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, o premio concederase por concorrencia competitiva entre calquera persoa maior de idade que presente textos inéditos escritos en galego relacionados coa investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
Os textos serán de temática libre, terán un carácter divulgativo e unha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. As solicitudes presentaranse, preferiblemente, a través da sede electrónica da Xunta ou ben de xeito presencial ata o 15 de outubro.
Para a valoración dos textos constituirase un xurado presidido polo director do CGAC e composto por personalidades de recoñecido prestixio no eido editorial e artístico-literario. Entre os criterios que terán en conta para valorar os orixinais presentados destacan a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou a metodolóxica e a calidade literaria do texto.