Nova: Concerto de ‘Camiños Sonoros’ na igrexa de Santa Eufemia da cidade das Burgas

21/06/2019

Concerto de ‘Camiños Sonoros’ na igrexa de Santa Eufemia da cidade das Burgas

A delegada territorial da Xunta en Ourense lembrou que este ciclo musical impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo se está a desenvolver desde maio en concellos da Vía da Prata no marco da programación do Xacobeo 2021

O sábado e domingo a cita musical será no concello de Xunqueira de Ambía

 

  • Camiños Sonoros 2019

Ourense, 21 de xuño de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu hoxe na igrexa de Santa Eufemia da cidade das Burgas a un concerto de órgano dentro del ciclo musical Camiños Sonoros. Díaz Mouteira gozou coa música de David Maceiras, alumno do Conservatorio Profesional de Ourense, que interpretou un programa de temas barrocos para órgano, con pezas de Bach, Franck o Mendelssohn.

O programa Camiños Sonoros está impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago a través da música e conta coa participación de mais dun cento de xoves estudantes de conservatorios galegos, coa dirección artística de Andrea González. Inclúese na programación previa do Xacobeo 21 e no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural nesta ruta en 2019.

Todos os concertos son gratuítos, están dirixidos ao público xeral e son parte dun programa de 40 actuacións que dende maio e ata finais xullo se están celebrar en diferentes emprazamentos de interese patrimonial da Vía da Prata.

Concertos na Colexiata de Santa María

Mañá sábado e o domingo o ciclo chega á vila ourensá de Xunqueira de Ambía. Os concertos celebraranse ás 18,00 horas, na Colexiata de Santa María. O sábado, os protagonistas serán dous alumnos do Conservatorio profesional de Ourense, Alejandro Vázquez Paradela y Andrés Rodríguez Rodríguez, un dúo de clarinetes, que interpretarán pezas de Haendel, Mozart e Hummel.

O órgano ibérico do ano 1758 que se atopa na Colexiata e que non é habitual que se toque protagonizará o concerto do domingo. Este instrumento está considerado como un dos mellores do mundo no seu tipo. O concerto é unha oportunidade para gozar deste órgano, coas interpretacións de Erea Blanco, alumna do Conservatorio Superior de Vigo, que desenvolverá un repertorio con temas barrocos de Johan Juhnau, e cantigas populares medievais, entre outros.

Camiños Sonoros volverá a visitar a provincia de Ourense o venres 5 de xullo, cun concerto no mosteiro de Oseira e o sábado e domingo, 6 e7 de xullo, cunha actuación na igrexa de Santa Mariña (Igrexa Vella) de Xinzo de Limia.

 

Comparte