Nova: Seminario de técnicas de ‘pitching’ para directores e guionistas galegos

20/10/2014

Seminario de técnicas de ‘pitching’ para directores e guionistas galegos

O encontro, que terá lugar este mércores 22 de outubro na Cidade da Cultura, enmárcase no programa de formación permanente da Agadic ‘Galicia Profilme’

Será impartido polo consultor en produción executiva Paco Rodríguez co obxectivo de amosar a preparación de forma efectiva dunha presentación pública de calquera tipo de produto

  • Técnicas de Pitching. Ou como vender un proxecto en cinco minutos Técnicas de Pitching. Ou como vender un proxecto en cinco minutos

Santiago, 20 de outubro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) na organización do seminario ‘Técnicas de pitching ou como vender un produto en 5 minutos’, que terá lugar este mércores 22 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia a cargo do produtor e consultor cinematográfico Paco Rodríguez.

O encontro, de entrada gratuíta previa confirmación de asistencia no enderezo electrónico formacion@galiciacrea.org, enmárcase no programa de formación permanente no eido audiovisual Galicia Profilme, que desenvolve a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para contribuír ao fomento da actividade das empresas galegas mediante a oferta de cursos monográficos sobre distintos contidos e aspectos que inciden no exercicio profesional.

Método rápido
Neste caso concreto, a nova entrega de Galicia Profilme céntrase no ‘pitching’, o método utilizado nas presentacións ante distribuidores, compradores e coprodutores, no que en apenas uns minutos, os expositores deben comunicar e convencer os seus destinatarios sobre as bondades e posibilidades de cada novo proxecto audiovisual. Esta iniciativa está dirixida a todos aqueles profesionais interesados e, en especial, aos guionistas e directores inscritos no programa CONECTA, que ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos.

O curso, que terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas, estrutúrase en tres bloques diferenciados. No primeiro deles abordarase o autocoñecemento dun mesmo e das habilidades sociais propias, con especial tratamento á importancia de dominar os impulsos a través da intelixencia emocional. Nunha segunda parte analizaranse as necesidades e os obxectivos de cada proposta segundo os distintos formatos e duracións de ‘pitchings’, que poden ir desde os 90 segundos (o denominado na xerga ‘pitch do ascensor’) ata presentacións en foros especializados ou reunións ‘one to one’ en mercados nos que se adoita dispoñer entre 7 e 20 minutos. A última parte da xornada céntrase no equilibrio entre a comunicación oral e a comunicación non verbal tanto para a mellora da expresión do emisor como para comprender as reaccións inmediatas no interlocutor.

Paco Rodríguez, consultor experto
O seminario será impartido por Paco Rodríguez, experto en distribución e coprodución internacional a través da súa empresa PPM Multimedia e produtor executivo e director de distintos proxectos con Filmax Animation.

Rodríguez iniciou a súa carreira como tradutor simultáneo de español-francés en Andalucía. Tras Viaxar polo mundo como fotoxornalista para a axencia de comunicación Afa, para a que cubriu reportaxes nuns corenta países como Kenia, Taiwán e Colombia. Fundou en 1990, PPM Multimedia onde se dedicou á distribución e coprodución internacional de series de animación (Koki, Capelito, Snailympics) con EE.UU., Xapón, Canadá e Francia.

Foi produtor executivo e director de Filmax Animation, onde produciu longametraxes como ‘El Cid, la leyenda’, ‘Pinocho 3.000’, ‘Gisaku’, ‘Nocturna’, ‘Donkey.xote’ e ‘Pérez, el ratoncito de los sueños’, cos que colleitou 4 premios Goya, entre outros galardóns internacionais.

Ademais de presidir a Asociación de Produtores Independentes de Animación, foi membro da xunta directiva da Federación de Asociacions de Productoras Audiovisuales (FAPAE) e da Federación Española de Productores de Animación. Estivo dous anos como integrante do comité de avaliación (de películas para televisión e series de animación) do ICAA. É membro da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España. Colabora como consultor para o Instituto de Comercio Exterior Español (IcexNext) e a Cámara de Comercio de Madrid. É experto no programa Media Creative da UE. Imparte clases en másteres de diferentes universidades e escolas de cine sobre coproducións internacionais, vendas internacionais, técnicas de ‘pitching’ e comunicación transmedia/crossmedia.

Comparte