Nova: O Plan Estratéxico do Xacobeo 21 aposta pola mellora do patrimonio de Santiago para diversificar os fluxos turísticos
17/07/2019
O Plan Estratéxico do Xacobeo 21 aposta pola mellora do patrimonio de Santiago para diversificar os fluxos turísticos
O conselleiro de Cultura e Turismo asinou hoxe un convenio de colaboración co Seminario Maior para poñer en valor o Mosteiro de San Martiño Pinario
A Xunta achega 625.000 euros para a rehabilitación e posta a punto deste inmoble e mellorar a oferta cultural a disposición dos peregrinos e visitantes, así como dos propios galegos
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez Varela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para poñer en valor o Mosteiro de San Martiño Pinario, un dos conxuntos histórico-artísticos máis destacados de Santiago de Compostela. Trátase dun acordo dotado con 625.000 euros que permitirá rehabilitar e poñer a punto este importante inmoble co obxectivo de diversificar os fluxos turísticos máis alá da Catedral coa vista posta no Xacobeo 21.
Neste senso, o titular de Cultura e Turismo salientou que o obxectivo desta colaboración é que o Ano Santo se converta “nunha oportunidade para ampliar os circuítos existentes na cidade, reducindo así a presión turística sobre a Catedral”. Precisamente, a configuración dun acontecemento descentralizado e con vocación de perdurar é un dos puntos presentes no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que se presentou este luns ante a Comisión Organizadora. Trátase, tal e como subliñou Román Rodríguez, dunha folla de ruta dotada con preto de 250 millóns de euros “que nos permitirá chegar ao ano 2021 con maiores e mellores instrumentos”.
Ademais do mantemento do edificio, o convenio tamén permitirá mellorar a oferta cultural a disposición dos peregrinos, visitantes e veciños da cidade xerando novas propostas específicas de carácter cultural e turístico dirixido tanto aos propios veciños como aos peregrinos e turistas. Trátase, entre outros, da Tempada Lírica San Martín Pinario, baixo a que se celebrarán sete actuacións, ou o ciclo Peregrinos polo Camiño da Música, que inclúe cinco espectáculos.
Por último, tamén se mellorarán os servizos de atención aos peregrinos e turistas creando un punto de información e ofrecendo visitas guiadas nun calendario amplo e estable. “Confío en que este acordo será frutífero e que as medidas tomadas permitan que o Mosteiro de San Martiño Pinario, e o moito que garda dentro, sexa cada día máis recoñecido”.
Ben patrimonial de referencia en España
O mosteiro de San Martiño Pinario é un dos conxuntos histórico-artísticos máis impresionantes de España, pois constitúe a segunda construción relixiosa máis grande na súa tipoloxía. As súas orixes están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando, precisamente, a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais.