Nova: Comezan os trámites para que o colexio da Nosa Señora da Antiga sexa Ben de Interese Cultural
17/07/2019
Comezan os trámites para que o colexio da Nosa Señora da Antiga sexa Ben de Interese Cultural
A Xunta incoa o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o colexio da Nosa Señora da Antiga
Trátase dun monumento clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia de Monforte de Lemos
Durante a incoación, aplícase de forma inmediata e provisional a protección establecida para estes bens na Lei do Patrimonio Cultural
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, o colexio da Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos (Lugo). Un inmoble da máxima relevancia histórica e artística, clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia do concello de Monforte.
A partir deste momento aplícase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio cultural de Galicia para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular. Ademais, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir de mañá, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Xustificación da proposta
A información elaborada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e os órganos asesores e consultivos, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes, fundamentan o valor sobranceiro do colexio en dous piares argumentais.
Por unha banda, refírense á importancia deste no desenvolvemento do Renacemento en Galicia, porque este proxecto permite falar do xurdimento dun segundo foco artístico distinto ao compostelán; ademais de ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a casa de Lemos na configuración deste núcleo.
E por outra, destacan a importancia do mecenado eclesiástico en España do século XVI e o proceso educativo impulsado polos xesuítas. Lembrando que, desde a súa fundación até a actualidade, o colexio segue a cumprir a mesma función: o ensino. En concreto, na actualidade Nosa Señora da Antiga alberga un centro educativo rexentado polos pais Escolapios.
Valores culturais
O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.
Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.
Historia construtiva
A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de Castro. Os seus biógrafos descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura, e tamén como un personaxe implicado na vida da corte de Felipe II. Nun momento da súa madurez, decidiu crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.
En 1586 comezou as conversas para a creación do colexio cos Xesuítas, cos que mantiña moi boa relación e cinco anos despois encargou a compra dos terreos e ao ano seguinte as obras saíron a poxa. As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla.
O inmoble estivo ao longo da súa historia relacionado coa función educativa, se ben pasou por épocas de maior ou menor esplendor. Incluso por etapas de decadencia relacionadas cos danos consecuencia do terremoto de Lisboa (1755), coa expulsión dos Xesuítas (1767), os saqueos das tropas francesas (1809) ou un incendio en 1824.
Xa en mans dos pais Escolapios, que se fan cargo do colexio no ano 1873, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao recoñecemento do valor e posterior venta dun dos cadros que constitúen a senlleira colección pictórica e de obras de arte do Colexio. O cadro, obra do pintor flamenco Hugo van der Goes, vendeuse ao goberno alemán por unha importante suma económica que permitiu rematar as obras entre 1919 e 1930 co apoio e supervisión da Casa de Alba.
Antecedentes
O procedemento para o recoñecemento do seu valor cultural iniciouse o 27 de setembro de 2016, cando a Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga presentou unha solicitude de declaración de ben de interese cultural do inmoble. Posteriormente, o 18 de maio de 2017, a Comisión 4ª, Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia, acordou instar á Xunta para realizar os trámites para a declaración e a inclusión do Colexio de Nosa Señora da Antiga na relación de BIC do Goberno autonómico.
Neste punto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborou un informe específico sobre os valores culturais do inmoble e solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos. Tanto o Consello da Cultura Galega como a Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario amosáronse favorables á declaración, incluíndo algúns comentarios e informacións que foron incorporados ao expediente.