Nova: Licitadas as obras de restauración e conservación na igrexa de San Nicolás de Portomarín
17/07/2019
Licitadas as obras de restauración e conservación na igrexa de San Nicolás de Portomarín
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se actuará sobre as cubertas e as fachadas para resolver problemas de humidades
Portomarín (Lugo), 17 de xullo de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar na plataforma pública Contratos de Galicia os traballos de reparación, restauración e conservación preventiva da igrexa de San Nicolás de Portomarín, cun orzamento de 226.590 euros.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o templo para coñecer en detalle as actuacións, que afectarán ás cubertas e aos paramentos e teñen por obxecto resolver problemas provocados pola filtración de humidades. Balseiro explicou que o prazo máximo de execución das obras será de seis meses, e as empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 12 de agosto para presentar ofertas.
A intervención corrixirá a entrada de humidade que se produce a través das cubertas e os sistemas de evacuación das augas de chuvia, encontros coas torres e paseos de ronda xunto as ameas, así como as alteracións que como consecuencia desta situación poidan acusar as fachadas, en especial as portadas escultóricas.
Así, os traballos evitarán a entrada de auga pola cuberta na zona das torres da fachada principal e a entrada de aves nos pasos de ronda. Eliminarán a colonización biolóxica e outras patoloxías presentes nas fachadas e nos vitrais dos rosetóns, e mellorarán as instalacións de iluminación e ventilación do espazo baixocuberta, entre outras actuacións. A obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Balseiro lembrou que a igrexa de Portomarín é un dos monumentos significativos do Camiño Francés e “a Xunta está a traballar na posta a punto do patrimonio no marco dos obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 21”.
Ben de interese cultural
A igrexa de San Nicolás ou de San Xoán de Portomarín ten a consideración de ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento. Foi construída entre os séculos XII e XIII pola Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, seguindo a tradición dos antigos templos romanos adicados ao deus Jano.
Ten unha soa nave con dúas portas laterais na cabeceira, unha porta frontal na fachada principal ao oeste e unha ábsida semicircular ao leste. Interiormente destaca a súa altura e a orde románica expresada nas columnas dos muros e fiestras con arcadas de medio punto propias deste estilo. Exteriormente resulta impoñente a súa sinxeleza compositiva, o seu esvelto volume coroado de ameas e as catro pequenas torres que recordan o seu carácter defensivo, o rosetón da fachada principal e a delicada decoración románica. A súa situación orixinal xunto á ponte sobre o rio Miño, respondía ao control e protección do paso dos peregrinos e comerciantes pola ponte.