Nova: Cinegalicia25 abrirá a programación expositiva do Gaiás
21/10/2014
Cinegalicia25 abrirá a programación expositiva do Gaiás
Con motivo dos 25 anos da estrea de Urxa, Continental e Sempre Xonxa, a Cidade da Cultura festexa as vodas de prata do cine galego cunha exposición que homenaxea os logros acadados polo audiovisual
Unha mostra sobre o Camiño de Santiago e outra sobre a figura do fotógrafo galego José Suárez centrarán a oferta museística en 2015
A programación complétase coa intervención ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ de Félix Fernández nas Torres Hejduk e as mostras organizadas desde a Biblioteca e Arquivo de Galicia para poñer en valor os seus fondos
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2014.- Esta mañá adiantouse a programación expositiva que acollerá a Cidade da Cultura nesta recta final de ano e ao longo do vindeiro 2015, co Museo Centro Gaiás como aglutinador desta oferta cultural.
Acompañado do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, ademais de Beatriz González Loroño, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; e de María Pereira Otero, directora de Acción Cultural; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, debullou a oferta expositiva que o Gaiás acollerá nos vindeiros meses e que arranca o vindeiro 20 de novembro coa mostra ‘Cinegalicia25’, coa que todos os galegos están convidados a festexar as vodas de prata do noso audiovisual, ao cumprirse 25 anos da estrea das primeiras longametraxes de ficción en galego: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. O Museo Centro Gaiás convida ao público a botar unha ollada cara a atrás e renderlle unha homenaxe aos profesionais que fixeron posible que o audiovisual galego sexa hoxe unha realidade.
“A programación que presentamos hoxe baséase nunha oferta sólida, estable e de calidade que busca dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio galego e proxectalo máis alá das nosas fronteiras ata facelo universal”, asegurou o conselleiro de Cultura e Educación. Unha actividade que acollerá principalmente o Museo Centro Gaiás pero que se complementará con mostras organizadas pola Biblioteca e Arquivo de Galicia para dar a coñecer os seus valiosos fondos e as intervencións de artistas emerxentes nas Torres Hejduk.
25 anos de cine galego
Tras acoller Gallaecia Petrea, Códices, Orinoco. Viaxe a un mundo perdido e Auga Doce, o público poderá gozar dunha nova exposición no Museo Centro Gaiás a partir do 20 de novembro. Será a través da mostra ‘Cinegalicia25’, unha exposición coordinada pola Cidade da Cultura en colaboración coa Agadic que busca festexar os 25 anos do cine galego.
A exposición, que ocupará o terceiro andar do Museo Centro Gaiás e estará aberta ao público ata o 8 de febreiro de 2015, fará un percorrido polo que foi o cine galego nestes cinco lustros, recollendo a traxectoria previa iniciada en 1986 coas primeiras proxeccións do Cinematógrafo en Galicia e botando, tamén, unha ollada cara ao futuro.
Como en todas as mostras organizadas desde a Cidade da Cultura, Cinegalicia25 conta cunha ampla rede de colaboradores entre os que destaca moi especialmente a CRTVG e outros axentes do sector como a Academia Galega do Audiovisual, Asociación Galega de Produtores Independentes, o Cluster do Audiovisual e a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual.
Comisariada por Miguel Anxo Fernández, un dos grandes investigadores cinematográficos galegos, ‘Cinegalicia25’ revisará as longametraxes de éxito, retratará Galicia como plató de cine, porá o acento nas ficcións televisivas, recollerá outros formatos vitais para o noso audiovisual como a animación ou o documental, así como abondosa aportación historiográfica e teórica, que se complementará coa proxección dun ciclo de cine galego.
Camiño de Santiago e José Suárez
O conselleiro de Cultura e Educación tamén adiantou tras ‘Cinegalicia25’, as dúas mostras previstas para 2015 no Museo Centro Gaiás: unha centrada na peregrinación a Compostela e outra sobre a figura do fotógrafo galego José Suárez.
A partir do mes de marzo de 2015, o fenómeno da peregrinación a Santiago será o protagonista do Gaiás a través dunha mostra artística con grandes nomes da Historia da arte que representaron a Santiago e con pezas que conmemoran a peregrinación ao longo dos séculos. A mostra, concibida como un proxecto cultural máis amplo, transcenderá as paredes do Museo Centro Gaiás a través de intervencións artísticas en todo o complexo da Cidade da Cultura, aliándose co casco histórico compostelán e os seus principais visitantes: os peregrinos.
Nese proxecto se está a traballar coa Catedral de Santiago, a Fundación Catedral de Santiago, o Museo das Peregrinacións e a Axencia Turismo de Galicia, ademáis de contar coa participacións de alumnos da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia.
Xa no verán do 2015, o Museo Centro Gaiás recuperará unha das figuras claves da fotografía do século XX: o galego José Suárez. O fotógrafo, tan revolucionario na súa época como descoñecido para o gran público, será protagonista desta nova mostra na que se presentará por primeira vez o material recuperado recentemente en Venezuela. A mostra está dirixida por dous prestixiosos investigadores da fotografía galega, Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón.
Torres Hejduk
As Torres Hejduk volverán, a partir do mes de novembro, a converterse nun espazo expositivo non convencional ao acoller a intervención artística ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ do galego Félix Fernández, proxecto gañador da II Convocatoria de intervención artística nas Torres Hejduk realizada entre os participantes do IV Encontro de Artistas Novos.
‘Subtextos dun patrón de mantemento’ combina tres intervencións artísticas cunha acción performántica do propio autor a través das que buscará facer visibles os puntos escuros da nosa sociedade e reflexionar sobre o poder.
Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura bríndalle a oportunidade a creadores emerxentes de dar renda solta á súa creatividade para converter as torres de ventilación do complexo deseñado por Peter Eisenman nun espazo artístico non ao uso.
Fondos bibliográficos
A oferta expositiva do Gaiás para os próximos meses completarase coas mostras organizadas pola Biblioteca e o Arquivo de Galicia coas que pretenden poñer en valor os fondos legados a estas institucións.
Xunto coas mostras actuais –‘O ronsel dun sabio’ dedicada ao Padre Feijoo’ e a exposición ‘Libros sobre reloxos’ basada na colección doada por José Luis Basanta- a Biblioteca e Arquivo ultiman unha gran mostra arredor de incunables, que poderá verse desde finais de ano ata principios do próximo. Pola súa banda, a programación de 2015 xirará arredor da figura de Filgueira Valverde, a través da súa figura pero tamén de Bibliófilos Galegos, editora fundada por Filgueira e que representou na postguerra o reinicio do labor galeguista no campo das publicacións. Esta mostra coincidirá coa dedicatoria ao polígrafo pontevedrés do Día das Letras Galegas.