Nova: O programa Ler conta moito promoverá a igualdade en 120 concellos co apoio da Xunta
08/08/2019
O programa Ler conta moito promoverá a igualdade en 120 concellos co apoio da Xunta
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta subvención, dotada con 150.000 euros e destinada a actividades en bibliotecas e axencias de lectura públicas de titularidade municipal
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia outorgará axudas a un total de 122 concellos galegos destinadas á programación de actividades de dinamización da lectura, no marco do programa Ler conta moito, que promovan a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero nas bibliotecas e axencias de lectura públicas de titularidade municipal. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta subvención dotada con 150.000 euros.
Estas axudas xorden do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
Ler conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dun xeito lúdico. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos.
As bibliotecas e axencias de lectura beneficiarias deben programar un mínimo de dúas actividades das establecidas no Catálogo Ler conta moito 2019 e o período de programación estenderase ata o 27 de outubro de 2019.