Nova: Unha exposición afonda no Torrente Ballester fotógrafo

16/10/2014

Unha exposición afonda no Torrente Ballester fotógrafo

A mostra GTB fotógrafo. Realidade e ficción’ inclúe imaxes das realizadas por Torrente Ballester nas décadas dos sesenta e dos setenta

O secretario xeral de Cultura referiuse a estas fotografías como “un material valioso” para comprender mellor as vivencias e os escenarios máis coñecidos da obra literaria do escritor
 

  • Exposición ‘GTB fotógrafo. Realidade e ficción’ Exposición ‘GTB fotógrafo. Realidade e ficción’

Santiago, 16 de outubro de 2014.- A Fundación Gonzalo Torrente Ballester inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela a mostra GTB fotógrafo. Realidade e ficción nun acto que contou coa participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Fotografías realizadas polo escritor ferrolán e datadas nas décadas dos sesenta e dos setenta conforman esta exposición, que, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “nos achega, máis alá dunha simple afección pola fotografía, todo un material valioso para comprender mellor as vivencias e os escenarios máis coñecidos da obra literaria de Torrente Ballester”.

“Hoxe podemos afirmar que a fotografía está detrás de moitas das páxinas memorables das obras do escritor –dixo–, como daguerrotipos de precisión narrativa”. Ademais, afirmou que “poder contribuír coa realización de calquera proxecto expositivo e divulgador da obra e da figura de Gonzalo Torrente Ballester é sempre unha excelente oportunidade para que manifestar a nosa gratitude e admiración con esta destacada figura das letras”, dixo.

Encontro entre realidade e ficción
A mostra inclúe unha selección de fotografías en branco e negro das décadas dos sesenta e dos setenta. O recordo ás continuas viaxes do escritor na mudanza da súa biblioteca abre esta exposición, que reflicte o constante encontro entre realidade e ficción visible no escritor ferrolán, a través de fotografías como unha visita á súa casa natal de Serantes ou a imaxe tomada en Pontevedra na que interrompe unha sesión familiar de fotos.

Vistas de paisaxes urbanos a xeito de escenarios, detalles estéticos ou lúdicos que chaman a súa atención, algúns temas iconográficos propios, como a súa predilección polos balcóns, a Berenguela ou as escenas mariñeiras, dialogan nesta mostra con paseos polas cidades entre a evocación e a memoria. Tamén conforman a mostra fotografías de intención puramente estética, en temas clásicos como as ventás, os xogos entre interior e exterior, os escaparates, os bodegóns e os autorretratos.
 

Comparte