Nova: Adxudicada a obra de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo
09/09/2019
Adxudicada a obra de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo
A Xunta adxudica en 142.000 euros a obra de restauración do cubo XXXI da muralla de Lugo, á altura da rúa Clérigos
O delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos contan cun prazo de execución de dous meses e teñen un dobre obxectivo: a consolidación da estrutura, eliminando patoloxías propias do paso do tempo, e afondar na investigación arqueolóxica do monumento.
A Consellería de Cultura e Turismo ten en marcha tamén a obra de consolidación estrutura do cubo VII, á altura da porta do Bispo Odoario, que supoñen un investimento adicional de 273.400 euros
Lugo, 09 de setembro de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo vén de publicar no perfil de contratos de Galicia a adxudicación por importe de 142.000 euros da obra de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo, á altura da rúa Clérigos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que resta só a formalización do contrato para acometer unhas obras que teñen un prazo de execución de dos meses e que servirán para a mellor conservación e posta en valor deste monumento, declarado Patrimonio Mundial.
Os traballos proxectados teñen un dobre obxectivo: por unha banda servirán para corrixir unha serie de patoloxías detectadas nas estruturas e propia do paso do tempo e, en segundo lugar, permitirán seguir afondando na investigación arqueolóxica da cerca romana.
Intervención arqueolóxica
A rehabilitación permitirá consolidar o monumento, eliminando a filtración de humidades e a acumulación de auga nos muros interiores. Procederase tamén á escavación manual arqueolóxica do adarve e escaleira da ata a cota orixinal romana.
“A escavación permitirá restaurar, documentar a protexer a escaleira, e impermeabilizar a estrutura do cubo con distintas capas de xeotéxtil, arxila natural e grixo, para finalmente completar o recheo e repoñer os muros e os petos”-dixo Balseiro
O seguimento arqueolóxico da obra inclúe a realización de dúas catas coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo romano, a documentación da escaleira, e o levantamento topográfico e a fotogrametría 3D da escaleira exhumada.
4 millóns de euros desde 2009
O delegado territorial explicou tamén que o Goberno galego leva investidos desde 2009 máis de 4 millóns de euros en obras de conservación e mantemento da Muralla de Lugo. Neste momento están en execución as obras de consolidación estrutural do cubo VII, á altura da porta do Bispo Odoario, nas que a Consellería de Cultura e Turismo inviste 273.400 euros e que estarán rematadas, previsiblemente, en novembro.