Nova: 'Vigo Emerxe', o gran concerto que reunirá no Museo do Mar de Galicia a 12 artistas da escena musical viguesa

13/09/2019

'Vigo Emerxe', o gran concerto que reunirá no Museo do Mar de Galicia a 12 artistas da escena musical viguesa

O evento terá lugar o 28 de setembro e participarán bandas e artistas como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo ou Laura Iturralde

Contará ademais coa asistencia de músicos da cidade de ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da banda Golpes Bajos, ou Nicolás Pastoriza

Román Rodríguez subliñou que esta iniciativa nace coa vocación de “recuperar a esencia da Movida viguesa” e dar voz ao talento local

Puxo en valor o éxito do ciclo musical ‘Solpores do Museo’, que esgotou as invitacións de todos os concertos programados en apenas unhas horas

  • Vigo Emerxe Vigo Emerxe

Vigo, 13 de setembro de 2019.- Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro no marco de Vigo Emerxe, un gran concerto promovido pola Xunta no Museo do Mar de Galicia co obxectivo de poñer en valor a escena musical da cidade. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe esta iniciativa nun acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, e o codirector de Sinsal Audio, Julio Gómez. Alí, asegurou que esta proposta nace coa vocación de “recuperar a esencia da movida viguesa” e dar voz ao talento local.

O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.

Seis horas de música

Todos eles protagonizarán preto de seis horas de música que arrancarán as 18,00 horas en dous escenarios do Museo do Mar, un situado no exterior, na zona do aparcamento, e outro no interior do inmoble, na sala de exposicións temporais. As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.

O titular de Cultura e Turismo subliñou que este evento demostra o compromiso do Goberno galego “coa escena musica e cultural viguesa”, facendo especial fincapé na promoción dos artistas e bandas emerxentes. Explicou que este proxecto busca “dar a coñecer aínda máis aos artistas e grupos locais”, ao tempo que se completa a oferta cultural da cidade cun gran concerto que terá como escenario “o marco incomparable do Museo do Mar de Galicia. Lembrou ademais que o Goberno galego “leva tempo” impulsando iniciativas na cidade no eido cultural a través da promoción de concertos na cidade dentro da Rede Galega de Música ao Vivo ou funcións de teatro a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Éxito de ‘Solpores do Museo’

Vigo Emerxe toma o relevo de Solpores do Museo, o exitoso ciclo de concertos impulsado pola Xunta durante os meses de xullo e agosto no Museo do Mar de Galicia que reuniu neste emprazamento a artistas e bandas de renome a nivel nacional como Zenet ou Soleá Morente xunto con artistas vigueses como Amaro Ferreiro ou Presumido.

Neste sentido, Román Rodríguez lembrou a “boa acollida” deste evento que esgotou “nunhas horas” as invitacións para os seis concertos que conformaron este ciclo.

Comparte