Nova: Un documental percorre a historia do teatro galego da segunda metade do século XX
23/10/2014
Un documental percorre a historia do teatro galego da segunda metade do século XX
A Coruña acolleu a estrea deste traballo de Iago Vázquez que poderá verse en varias salas de Galicia a partir do 30 de outubro
A Coruña, 23 de outubro de 2014.- A historia do teatro galego na segunda metade do século XX centra a longametraxe documental ‘O que hai que facer para ir ao mar!’, un traballo de Iago Vázquez que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a cuxa estrea acudiu esta noite o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
A través da vida de dous actores xa falecidos que tiveron unha importante relevancia no ámbito teatral en Galicia, Tuto Vázquez e María José Mosteiro, pais de Iago Vázquez Mosteiro, a peza documental conta a traxectoria do teatro galego. Faino a través dos encontros que a actriz e irmá do director, Uxía Vázquez, mantén cos compañeiros de profesión dos seus pais.
Agustín Vega, Xosé Vilarelle, Amparo Gómez,Elina Luaces, Luísa Merelas, Amalia Gómez, Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Miguel Pernas, Eduardo Alonso, Lino Braxe e Xulio Lago son algunhas das destacadas figuras da escena galega que participaron neste proxecto.
Próximas proxeccións
Logo da súa estrea na Coruña, a cinta poderá verse tamén en varias salas de Galicia. As primeiras sesións serán o 30 e 31 de outubro, e o 1 de novembro no Fórum Metropolitano da Coruña. A seguinte parada será no auditorio de Ribeira, os días 15 de novembro, ás 21:30 horas, para o público en xeral, e o 20 dese mes, ás 11 horas, para alumnos e alumnas dos centros educativos do concello.
Ademais, o proxecto compleméntase cunha exposición fotográfica itinerante, con imaxes inéditas sobre a historia do teatro galego. Desde o 25 de outubro ata o 7 de novembro a mostra poderá visitarse na tenda-galería Faiado, en Ribeira.
O documental rodouse logo de acadar o financiamento necesario a través dunha campaña de crowdfunding ou micromecenado con achegas particulares. Ademais da colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o proxecto tamén contou co apoio doutras institucións e entidades como o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, a Escola de Imaxe e Son da Coruña e Tórculo Artes Gráficas, entre outras.