Nova: Ourense acollerá a estrea de Perplexo, nova montaxe de Ilmaquinario Teatro
29/10/2014
Ourense acollerá a estrea de Perplexo, nova montaxe de Ilmaquinario Teatro
Tito Asorey dirixe esta peza orixinal do autor alemán Marius Von Mayenburg cun elenco integrado por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez
Ourense, 29 de outubro de 2014.- Ourense acolleu hoxe a presentación de Perplexo, o segundo espectáculo producido pola compañía galega ilMaquinario Teatro, que se estrea este venres 31 de outubro no Teatro Principal da cidade. A montaxe, realizada a partir da obra do autor alemán Marius Von Mayenburg con dirección de Tito Asorey, obtivo para o seu financiamento 17.000 euros das subvencións á produción escénica convocadas este ano a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), dentro do apartado específico dedicado a compañías de nova creación.
En representación da Consellería de Cultura e Educación, interveu no acto o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen explicou a súa confianza no éxito desta nova proposta porque chega aos escenarios referendada como unhas das 26 montaxes galegas que contan con apoio económico da Consellería de Cultura e Educación para a súa produción; e tamén como un dos 11 espectáculos seleccionados para ser exhibido en formato completo a vindeira semana en Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas que se celebrará en Santiago do 3 ao 5 de novembro organizado pola Agadic.
Sutil, quen compartiu a presentación con parte do equipo artístico do espectáculo e coa directora-xerente do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón, referiuse así mesmo ao aval que supón o anterior espectáculo de ilMaquinario, O home almofada, un dos máis programados na pasada temporada escénica.
Novos xeitos
O director da Agadic destacou o traballo da compañía ourensá como exemplo dunha nova xeración teatral formada en Galicia, que achega ao sector “enerxías renovadas e novos xeitos de afrontar a produción teatral tanto desde o punto de vista artístico como da xestión”, dixo.
ilMaquinario Teatro foi creada en 2012 como un proxecto articulado polos seus integrantes durante os anos de estudo na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia): Tito Asorey, Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez, artistas novos pero con experiencia en compañías españolas e galegas como a Nacional de Teatro Clásico, Ur Teatro, La Imagina Machina, Sarabela Teatro, Teatro do Adro, Teatro do Noroeste, Escénate ou Viravolta.
O grupo, que naceu con vocación de continuidade, privilexia o traballo do actor como explorador da natureza humana e ofrécelle ao público historias que suscitan debate e controversia ao tempo que son pracenteiras e lúdicas, para dar como resultado un teatro de grande intensidade que se sustenta no traballo colectivo e nas dramaturxias contemporáneas.
Despois do debut en 2012 con O home almofada, ilMaquinario volve así aos escenarios con Perplexo, unha comedia asinada por un dos autores europeos de maior éxito na actualidade e cuxas pezas son representadas por compañías de todo o mundo.
Metáfora da realidade actual
En Perplexo, Laura e Fernando volven a casa despois das vacacións, mais ao pouco de entrar perciben nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu gato non está por ningures, a luz está cortada por falta de pago, aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na súa ausencia. Cando os catro personaxes aparecen en escena a situación dá un xiro, pois semella que os amigos son os verdadeiros e lexítimos propietarios da vivenda. A partir dese momento, a peza sucédese nun continuo xogo de intercambio de roles, onde o espectador vive un vertixinoso devir de escenas e no que o teatro se converte nunha metáfora da nosa realidade actual, na que todos temos que nos impoñer determinadas máscaras sociais para facer fronte ás novas situacións que a vida nos presenta.
A peza, na que os personaxes teñen o mesmo nome que os actores que a interpretan, xoga dun xeito audaz co teatro dentro do teatro para falar, de maneira tremendamente cómica, de temas de tanta actualidade como son a procura dunha identidade propia, o racismo, as dificultades das relacións de parella ou a existencia dun poder supremo.
Con escenografía de Luis Iglesias ‘Luchi’, vestiario de Yaiza Pinillos e iluminación de Tito Asorey e Germán Gundín, Perplexo escenificarase no Teatro Principal de Ourense os días 31 de outubro e 1 de novembro, no Auditorio Municipal de Ourense os días 3 e 4 de novembro, o día 5 no Salón Teatro de Santiago, dentro de Galicia Escena PRO; e o 3 de decembro no Teatro Principal de Santiago.