Nova: ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Vigo

30/10/2014

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Vigo

Esta produción do CDG, dirixida por José Caldas, conta cunha nova xeración de intérpretes galegos para dar vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido, fantasía e música

 

  • As laranxas máis laranxas de todas as laranxas As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Vigo, 30 de outubro de 2014.- O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega este domingo 2 de novembro a Vigo con ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, versión da obra de Carlos Casares que será representada ás 18.00 horas no Teatro do Centro Cultural Afundación. Este escenario forma parte, ademais, da campaña escolar deste espectáculo de teatro e música en directo, do que o luns 3 de novembro se ofrecerán dous pases matinais para alumnos de centros educativos da cidade e de toda a comarca.

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ ofrécelles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra que a compañía pública galega xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para o que conta outra vez co luso-brasileiroJosé Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.

Nova xeración de intérpretes
A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba BlancoTaín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, AilénKendelman, FranLareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

‘A galiña azul’
Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra harmoniosamente o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

Con esta proposta para o público infantil e familiar, a compañía institucional busca que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e se acheguen, ao tempo, á figura de Carlos Casares como un dos grandes autores galegos. De feito, ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das súas principais contribucións ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

En xira
Estreada en Ourense e xa representada en Vilagarcía, Narón e Pontevedra 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas' recala en Vigo Vigo como parte da xira que o Centro Dramático Galego desenvolverá ata finais de decembro nun total de once escenarios. Así, poderá verse proximamente en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

 

Comparte