Nova: Galicia escena PRO esperta o interese de 79 axentes culturais ao redor de 23 propostas

31/10/2014

Galicia escena PRO esperta o interese de 79 axentes culturais ao redor de 23 propostas

Terá lugar do 3 ao 5 de novembro en catro espazos de Santiago e busca consolidarse como mercado de referencia para a compra-venda das producións galegas e como plataforma para unha maior visibilidade social de todas as artes escénicas

O público non profesional tamén poderá asistir ás representacións dos espectáculos seleccionados, dos que 11 se ofrecen completos e 12 en formato ‘showcase’

  • Galicia Escena Pro Galicia Escena Pro
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa Anxo Lorenzo na rolda de prensa
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa Anxo Lorenzo na rolda de prensa
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa Anxo Lorenzo na rolda de prensa
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa Anxo Lorenzo na rolda de prensa

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014.- A segunda edición da mostra Galicia Escena PRO terá lugar do luns 3 ao mércores 5 de novembro en catro espazos de Santiago. Este mercado escénico, a través do que se busca dinamizar a contratación dos espectáculos producidos en Galicia, desenvolverase arredor dunha serie de encontros profesionais e dunha carteleira de 23 espectáculos –11 en formato completo e 12 ‘showcases’– a cargo doutras tantas compañías de teatro, danza, maxia e novo circo.

Un total de 79 axentes culturais galegos, entre os que se atopan tanto programadores de festivais e espazos públicos e privados como distribuidores, teñen confirmada a súa asistencia ao evento, que foi presentado hoxe por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); e Carmen Castro, animadora cultural do Concello de Carballo.

Acceso libre
En palabras do secretario xeral, a mostra mantén un dobre obxectivo ao funcionar a un tempo como escaparate para a compra-venda dos espectáculos galegos e como plataforma para unha maior visibilidade social da actividade escénica, a través dunha programación eminentemente profesional, pero aberta tamén ao público xeral. De feito, os espectadores non acreditados poderán asistir de xeito gratuíto ás representacións que se celebrarán no Salón Teatro, Teatro Principal, Fundación SGAE e Auditorio Abanca. O acceso será libre ata completar a capacidade dos espazos e previa retirada das invitacións no despacho de billetes correspondente desde unha hora antes do comezo da función.

Anxo Lorenzo referiuse, así mesmo, ás principais novidades desta edición, pensadas principalmente para favorecer o intercambio entre programadores e compañías. Así, e dando resposta ás suxestións recibidas desde o propio sector, o luns e o mércores ao mediodía organizarase cadanseu encontro profesional para propiciar as reunións interpersoais entre todos os axentes inscritos.

Estratexias de venda
Ademais, este ano Galicia Escena PRO incorpora accións formativas dirixidas tanto ás compañías como aos programadores. No primeiro caso, o Salón Teatro acollerá este luns 3, a partir das 11.00 horas, un taller de estratexias de venda impartido por MikelRibalta, produtor, xestor de proxectos e xefe da Área de Promoción Internacional da Fira de Tárrega. A Agadic conta coa colaboración da Cofae (Coordinadora de Feiras de Artes Escénicas do Estado Español) na organización deste obradoiro, titulado ‘Venderse nun ascensor’, para o que se esgotaron rapidamente as 20 prazas dispoñibles.

En canto aos programadores e no marco da asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios que se levará a cabo durante a mostra, os asistentes terán a oportunidade de afondar en diferentes modelos de programación e dinamización cultural a partir da análise da Programación Expandida TRC-Danza da Coruña como caso práctico.

Pola súa banda, o director da Agadic centrou a súa intervención na carteleira artística deste mercado que, como explicou, foi seleccionada por unha comisión independente entre un total de 88 propostas recibidas. Jacobo Sutil, quen lembrou que Galicia Escena PRO botou a andar en 2013 como resultado dun proceso de diálogo cos representantes das compañías e dos programadores, destacou que a través desta escolla búscase ofrecer unha panorámica da actualidade escénica galega que reflicta todas as artes escénicas, así como os diferentes xéneros, formatos, estilos e repertorios.

Así, se ben o teatro goza dun gran protagonismo, nesta carteleira hai lugar para o novo circo con ‘Desperta!’ de Pistacatro, a maxia con ‘Os anos oitenta vistos polo Mago Teto’ e ‘IlusiónArte’ do Mago Rafa, a danza coas novas coreografías de Pisando Ovos (‘Que volvan as flores’) e Cisma Danza (‘Stay’), así como para a combinación de diferentes artes. Neste último apartado, sitúanse propostas de teatro-danza, como ‘Illas Atlánticas’ de A Producións Artísticas, ou o teatro musical de B.B Producións (‘Muller cine’), MagínBlanco (‘Gatuxo’) e Os Tres Tenedores (‘Codidosinfónico’).

Incorporación das novas compañías
O director da Agadic subliñou, ademais, que esta programación dá cabida ás novas compañías que nestes momentos se están a abrir camiño no panorama teatral con espectáculos como ‘PAN! PAN!’ da Panadaría, ‘Perplexo’ de ilMaquinario Teatro e ‘30 e tantos ósos’ de Aporía Escénica.

Por último, Galicia Escena PRO ofrecerá as últimas montaxes de formacións e profesionais cunha consolidada traxectoria teatral: ‘Avestruz en terra allea’ de Berrobambán, ‘Demolición’de Talía Teatro, ‘Pequenas certezas’ de Sarabela Teatro, ‘Bobas & Galegas (Mofa e Befa no Século D’Ouro)’ de Producións Teatráis Excéntricas,‘Psicópata’ de Antón Coucheiro e ‘As fillas bravas’ de Chévere no apartado de montaxes dirixidas ao público adulto; e ‘A casa do avó’ de Tanxarina, ‘Ra Ra Ra’ de Abrapalabra Creacións Escénicas, ‘Rumpelstikin, o anano saltarín’ de Trompicallo e Kalina Teatro, ‘Roedores’ de Redrum Teatro e ‘Pedro e o lobo’ de Fantoches Baj no ámbito do teatro para público infantil.

Destas 23 propostas en exhibición, 11 amosarán a súa montaxe orixinal, mentres que as 12 restantes o farán en formato ‘showcase’ durante as sesións que terán lugar no Salón Teatro o luns 3, ás 22.00 horas, e o martes 4, ás 12.30 horas. En cada unha delas presentaranse seis espectáculos nunha versión reducida cun máximo de 20 minutos de duración en cada caso.

Concerto de peche
Galicia Escena PRO ten preparado, así mesmo, un concerto especial de Talabarte –o trío instrumental de Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual– como actividade de peche desta segunda edición. A cita será o mércores 5, ás 22.30 horas, no Ultramarinos de Santiago.

A meirande parte das montaxes que se presentan na programación deste ano, tanto en formato completo como en ‘showcase’, atópanse no inicio do seu percorrido polos escenarios, de xeito que esta carteleira lles ofrece unha gran oportunidade aos programadores para tomarlle o pulso á actualidade escénica galega cara á configuración das axendas culturais que ofrecerán os teatros, auditorios e festivais de toda Galicia durante a próxima temporada.

Comparte