Nova: Incluídos no Inventario de Arqueoloxía tres petróglifos do monte de Camoira, en Lugo

01/11/2014

Incluídos no Inventario de Arqueoloxía tres petróglifos do monte de Camoira, en Lugo

O Servizo de Patrimonio da Xunta localizou os bens, dos que existía referencia bibliográfica pero que estaban ocultos pola maleza

As pegadas de arte rupestre, teñen a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia, e por tanto gozan da máxima protección

  • Imaxe do petróglifo (1) Imaxe do petróglifo (1)
  • Imaxe do petróglifo (2) Imaxe do petróglifo (2)

Lugo, 1 de novembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluirá no inventario de arqueoloxía tres petróglifos situados no monte de Camoira, no concello de Lugo, logo dun traballo de limpeza levado a cabo nas últimas semanas en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar.

O achado constitúe, sen dúbida, a mellor manifestación de arte rupestre dentro do municipio de Lugo, e un dos conxuntos máis sobresaíntes do territorio da área central da provincia lucense.

Os técnicos do servizo de Patrimonio da Delegación Territorial de Lugo achegáronse aos bens, dos que existían referencias bibliográficas, para iniciar a coordinación dos traballos de limpeza e documentación.

O propio departamento territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Delegación Territorial de Lugo, a través do servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, colaborou na limpeza da maleza que agochaba estas estacións de arte rupestre.

Trátase de tres petróglifos con deseños de diferentes períodos, dende a prehistoria a época moderna, como círculos concéntricos, coviñas, podomorfos, e cruces. Algúns dos gravados están moi erosionados, pero outros aprécianse con facilidade.

Os petróglifos, como manifestación de arte rupestre, teñen a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia e, por tanto, gozan da máxima protección. O obxecto dos traballos de limpeza foi permitir a documentación para a súa inclusión no inventario de patrimonio cultural, e facilitar o seu achegamento aos estudosos e cidadáns en xeral, así como mellorar as condicións de conservación ao afastar o perigo do impacto dos incendios sobre as rochas con gravados.

Unha vez rematada a investigación, que culminará coa inclusión no inventario de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio, a documentación sobre os petróglifos será enviada tamén ao Concello de Lugo e aos titulares do monte veciñal.

 

Comparte