Nova: O CGAC acolle a mostra máis completa en España de Carlos León

31/10/2014

O CGAC acolle a mostra máis completa en España de Carlos León

O último traballo dun dos mestres da abstracción, A orde das primeiras cousas, poderá visitarse ata marzo de 2015

  •  A orde das primeiras cousas A orde das primeiras cousas

Santiago, 31 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea presentou hoxe venres a mostra do artista ceutí Carlos León A orde das primeiras cousas. Na rolda de prensa participaron o director do CGAC, Miguel von Hafe; os dous comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González- Alegre; e o propio artista que sinalou que "co proxecto desta exposición nacín realmente como escultor" e engadiu que quixo incluír na mostra "un cuadro recién creado que marca una nueva etapa en mi pintura" o que, dalgún xeito, fai que esta mostra sexa un fito significativo na traxectoria creativa deste extraordinario artista plástico.

Con máis de 30 pezas entre pinturas e esculturas, A orde das primeiras cousas é a mostra máis completa que se ten realizado deste importante artista en España. Na actualidade, a súa obra imponse como unha das propostas fundamentais da pintura abstracta española. ‘A orde…’ ocupará toda a planta baixa do centro e poderá visitarse até o 1 de marzo de 2015.

A orde das primeiras cousas
A exposición sita no CGAC explora e vertebra algunhas das series máis recentes do pintor. Nela, Carlos León obxectualiza o acto de pintar. A súa paleta de maxentas, carmíns, azuis prusia, índigos e ocres ten continuidade nos óxidos e os restos de pintura dos elementos recuperados das chatarrerías. Os refugallos industriais presentes nas súas obras compoñen a súa particular linguaxe. Deste xeito, o artista indaga nos xogos que se establecen entre o radical cuestionamento do ilusionismo da súa pintura e a práctica construtiva da súa produción escultórica.

As salas do Centro pobóanse de ferros, táboas, cables e palanganas que se atopan formando esculturas e que dialogan con cadros tamén superpostos e que se elevan sobre o chan con pezas que remiten ao espazo do seu taller. Os obxectos revelan as súas historias e a pegada das persoas que os construíron, os empregaron e os desbarataron. O artista toma estes restos industriais como fragmentos de poemas ou notas musicais para crear os seus propios versos e partituras no espazo expositivo do CGAC.
 

Comparte