Nova: Un ciclo sobre Marlen Khutsiyev inicia a programación do CGAI de novembro

04/11/2014

Un ciclo sobre Marlen Khutsiyev inicia a programación do CGAI de novembro

A retrospectiva, que arranca esta tarde con ‘Primavera en la calle Zarechnoy’, inclúe outros catro títulos deste cineasta de orixe xeorxiana e un dos máis destacados representantes do cinema soviético post-Stalin

A obra do realizador alemán Heinz Emigholz e as novas entregas das seccións Fóra de Serie, Desencadres, Off Galicia e CGAI Júnior completan a carteleira que se desenvolverá na Coruña ata o 22 deste mes

Tras estas proxeccións, o Centro Galego de Artes da Imaxe despedirá o ano cun amplo ciclo inserido na programación especial coa que a Xunta de Galicia conmemorará o 25º aniversario da estrea das primeiras longas galegas en 35 mm

  • Longametraxe Primavera en la calle Zarechnoy Longametraxe Primavera en la calle Zarechnoy

A Coruña, 4 de novembro de 2014.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) ofrece a partir de hoxe un ciclo retrospectivo sobre o director ruso de orixe xeorxiana Marlen Khutsiyev, co que arranca a nova programación bimestral na sede da filmoteca galega na Coruña.

Xunto cunha selección de cinco títulos deste cineasta, un dos máis destacados representantes do cinema soviético realizado durante a época do desxeo de Nikita Kruschev, a carteleira do mes de novembro inclúe un ciclo dedicado ao alemán Heinz Emigholz e as novas entregas das seccións habituais Fóra de Serie, Desencadres, Off Galicia e CGAI Júnior.

A panorámica dedicada a Khutsiyev dá comezo esta tarde cunha sesión dobre da súa primeira longametraxe, Primavera en la calle Zarechnoy (1956), que codirixiu con Feliks Mironer e está considerada como un dos títulos máis característicos dese cine soviético post-Stalin que se arreda do maniqueísmo do réxime. A pesar da censura, o director conseguiu o recoñecemento internacional como un dos máximos representantes dunha nova onda do cinema da U.R.S.S. grazas a películas como Tengo 20 años (1965) e Lluvia de julio (1966), que se exhibirán no CGAI mañá mércores 5 e o xoves 6, respectivamente.

O ciclo complétase o venres 7 cun dos seus traballos para televisión (Era el mes de mayo, 1970) e con Epílogo (1983), unha obra de cámara filmada xa en cor, cando Marlen Khutsiyev comezaba a ser considerado oficialmente.

Seccións habituais
Ademais, o CGAI organiza unha nova entrega de Off Galicia, sección a través da que se busca dar visibilidade á nova creación audiovisual galega. Así, a presentación deste sábado día 8 correrá a cargo do autor Roi Fernández, mentres que o sábado día 15 terá lugar a proxección da fita Tilda & Jean coa presenza do seu director, Darío Autrán.

Xa na segunda semana do mes, ofreceranse dous novos títulos dentro do apartado Fóra de Serie (’10.00 Km’, de Carlos Marques-Marcet, o martes 11; e Frances Ha, de Noah Baumbach, o mércores 12), así como as últimas citas do ano dentro da sección Desencadres: unha sesión dos cineastas experimentais Peter Hutton e Nathaniel Dorsky, mailo conxunto de obras de Stan Brakhage coñecido como Vancouver Islands Quartet, realizado ao longo da última década da súa vida.

Arquitectura como biografía
Heinz Emigholz, un dos nomes máis sobresaíntes da vangarda cinematográfica alemá, protagonizará outro dos ciclos desta carteleira que, baixo o título Arquitectura como biografía, proxectará do 18 ao 21 de novembro os seus retratos cinematográficos de oito arquitectos xunto coas primeiras fitas dunha nova serie: Decampment of Modernism. Organizado en colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, o CulturArts-Filmoteca do IVAC de Valencia e a escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, este programa complementarase con presentacións e coloquios a cargo dos arquitectos Luz Paz, Xoán Mosquera, Fernando Agrasar, Emma López, Celestino García Braña e Evaristo Zas.

Tras estas tres primeiras semanas de proxeccións, que inclúen tamén a fita Cocorico o sábado 22 dentro de CGAI Júnior, o Centro Galego de Artes da Imaxe desenvolverá un amplo ciclo dedicado exclusivamente ao cinema producido en Galicia durantes os últimos 25 anos. Este especial forma parte da programación elaborada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da estrea das primeiras longas galegas en 35 mm –Continental, Urxa e Sempre Xonxa– e que será presentada proximamente.

O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.cgai.org.
 

Comparte