Nova: A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolle a mostra Libros sobre reloxos. Colección José Luís Basanta
06/11/2014
A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolle a mostra Libros sobre reloxos. Colección José Luís Basanta
A exposición composta de 9.000 exemplares recolle unha representación do fondo principal, amais da colección de libros de reloxo e das obras científicas que foron legadas de balde no 2013 á Cidade da Cultura, e ten como valor engadido ser unha das coleccións máis importantes sobre esta materia a nivel estatal e incluso mundial
- Vídeo coas declaracións do conselleiro de Cultura
Santiago, 6 de outubro de 2014.- A exposición Libros sobre reloxos. Colección José Luís Basanta inaugurouse hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura. O fondo principal de Basanta está formada por máis de 450 volumes, nos que se inclúen manuscritos únicos, impresos desde o século XVI ata a actualidade e unha grande cantidade de obras de apoio, desde revistas ata bibliografías, catálogos, publicacións de libraría anticuaria e obras sobre temas afíns, como os instrumentos mecánicos e a medición do tempo. A biblioteca do investigador, que amais da colección de libros de reloxo, contén obras científicas (uns 9.000 exemplares en total), actualmente se atopa depositada na Biblioteca de Galicia, á que foi legada no ano 2013. A exposición recolle unha representación desta colección, na que se pretende resumir tanto o empeño bibliográfico do coleccionista como o esforzo e o traballo do incansable investigador. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 30 do presente mes.
Un auténtico tesouro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou na súa intervención na presentación da mostra “o traballo de Basanta como químico, respecto das celulosas e do papel, e o seu olfacto bibliófilo, que o conduciu a facer un auténtico tesouro respecto da súa gran paixón, centrada nos reloxos e nos mecanismos artificiais que pautan o transcorrer do tempo”. O titular do departamento cultural da Xunta engadiu que ”esta mostra composta de 9.000 exemplares foi legada de balde no ano 2013, e ten como valor engadido ser unha das coleccións máis importantes sobre esta materia a nivel estatal e incluso mundial” , engadiu.
O conselleiro, rematou o seu relatorio mostrando o seu orgullo porque a Biblioteca e o Arquivo de Galicia “ofrezan esta mostra, xa que significa pór nelas o selo da nosa época, o que constitúe unha das manifestacións máis transparentes de cómo se expresa a humanidade”. Ao mesmo tempo, Vázquez Abad, tamén falou do compromiso do goberno de “acoller as novas correntes e darlles o seu valor esencial, ao tempo que enxalce o peso específico dunha identidade tan recoñecible como ávida por evolucionar consonte os parámetros que nos corresponden”.
A figura do bibliófilo
José Luís Basanta, naceu no ano 1924, no municipio lucense da Fonsagrada e desenvolveu a súa traxectoria profesional en diferentes empresas no ámbito da química e da electroquímica, ademais de ser durante 4 anos decano do Colexio Oficial e de Químicos de Galicia. Grande afeccionado á historia do papel e da reloxería, o seu labor a prol da cultura foi recoñecido coa súa entrada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Tamén conta coa Cruz Oficial do Mérito Civil.