Nova: A biblioteca pública do estado en Ourense denominarase Xeración Nós
07/02/2020
A biblioteca pública do estado en Ourense denominarase Xeración Nós
A Xunta de Galicia, como administración pública xestora deste equipamento cultural, elixiu este nome tras recibir preto de 50 propostas por parte da cidadanía
A denominación conta co apoio de diversas entidades culturais galegas e ourensás
Esta nova sede acollerá no mes de marzo a xuntanza do pleno do Consejo de Cooperación Bibliotecaria de España
Ourense, 7 de febreiro de 2020.- A Biblioteca Pública do Estado en Ourense chamarase Xeración Nós, tras a revisión por parte da Xunta de Galicia de todas as propostas e as argumentacións recibidas por parte da cidadanía e entidades culturais.
O pasado mes de xaneiro a Consellería de Cultura e Turismo puxo en marcha un proceso aberto para que, as persoas interesadas, participasen na proposta de denominacións coa que nomear este novo equipamento cultural inaugurado en decembro en San Francisco. O departamento autonómico, como administración pública xestora desta biblioteca, recibiu ata o 3 de febreiro (data do peche de recepción de ideas) case 50 propostas e tras a revisión de todas e cada unha delas, decidiu que Xeración Nós é a denominación máis acaída.
Cómpre destacar que este ano se celebra o centenario do inicio da publicación da revista Nós, que foi o principio dunha xeración especialmente brillante na investigación, divulgación e reflexión sobre a construción da identidade galega, con máis de 200 colaboradores de toda Galicia e de fóra dela ata 1936, ano de remate da súa edición. Tratábase dunha publicación aberta que afondou na dimensión conectada da cultura galega co exterior. Todos estes aspectos xustifican a utilización do nome Xeración Nós, que forma parte do feito cultural ourensán, galego e internacional.
Ademais, cómpre sinalar que esta denominación recibiu o apoio de entidades culturais galegas e ourensás como a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Uxío Novoneira, o Museo do Pobo Galego, a Asociación do Patrimonio Galego O Sorriso de Daniel, a Delegación Arxentina da Fundación Galicia América ou o Ateneo de Ourense, entre outras.
A nova sede da Biblioteca Pública de Ourense acollerá o Consejo de Cooperación Bibliotecaria de España no mes de marzo, que reunirá a 75 profesionais que canalizarán a cooperación entre as administracións públicas españolas neste ámbito. Así o avanzou o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, despois da reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria na que se fixo balance da actividade desenvolvida en 2019 e se abordaron as accións e programacións previstas para este ano.