Nova: Cinemas de Galicia arranca no auditorio municipal do Carballiño

20/11/2014

Cinemas de Galicia arranca no auditorio municipal do Carballiño

O concello ourensán participa, xunto cos de Foz, As Pontes e Sanxenxo, na posta en marcha deste circuíto municipal para fomentar a exhibición cinematográfica en pantalla grande e ampliar as posibilidades de distribucións dos filmes galegos

‘Nai e fillo’, película gañadora do Oso de Ouro na Berlinale de 2013, inaugura unha carteleira na que figuran tamén os filmes galegos ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’ e ‘Arraianos’, así como a produción británica ‘Le Week-End’

O alcalde do Carballiño e o director da Agadic presentaron esta primeira programación, seleccionada en colaboración co Cineclub da localidade a partir do catálogo de 18 filmes proposto pola Consellería
 

  • Cinemas de Galicia Cinemas de Galicia

O Carballiño (Ourense), 20 de novembro de 2014.- A primeira programación de Cinemas de Galicia, a rede municipal de espazos de exhibición cinematográfica creada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, bota a andar hoxe no Auditorio Municipal do Carballiño. Este concello ourensán participa xunto cos de Foz, As Pontes e Sanxenxo na fase de implantación do proxecto, que nace co obxectivo de lles achegar o cine aos espectadores daquelas localidades sen salas comerciais, así como de aumentar as posibilidades de distribución dos filmes galegos.

En nome de Cultura e Educación, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, acompañou esta mañá o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, na presentación desta carteleira inaugural, seleccionada polo departamento de Cultura do Concello en colaboración co Cineclube Carballiño a partir do catálogo de 18 películas, 11 delas fitas galegas de estrea recente, proposto pola Consellería. Participaron tamén neste acto o concelleiro de Cultura, Rodrigo González Hermida, e o presidente do Cineclube carballiñés, Miguel de Cabo.

Sete sesións ata fin de ano
Como parte desta rede, o Auditorio Municipal carballiñés acollerá ata fin de ano un total de sete sesións cinematográficas de catro títulos diferentes. Abre esta iniciativa a produción romanesa ‘Nai e fillo’, do director Calin Peter Netzer e gañadora en 2013 do Oso de Ouro no Festival Internacional de Cine de Berlín, que se proxecta hoxe en sesión dobre, ás 20.00 e ás 22.00 horas.

O público infantil tamén foi tido en conta á hora de deseñar a programación do Carballiño, no marco da que mañá venres 21, ás 18.00 horas, se exhibirá a fita galega de animación ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, producida por Abano e subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais. Completan esta oferta cinematográfica o filme británico ‘Le Week-End’, que poderá verse o 26 de decembro ás 20.00 e ás 23.00 horas, así como a proxección o 28 de decembro, ás 19.00 e ás 22.00 horas, da produción galega ‘Arraianos’, de Eloy Enciso, que para a súa realización contou tamén co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic.

Máis de 1.200 butacas
Como explicou hoxe o director da Agadic, o Auditorio do Carballiño é un dos cinco espazos que vertebran a posta en marcha de Cinemas de Galicia xunto co Salón de Actos do Cenima de Foz, a Casa Dopeso e o Cine Alovi das Pontes e o Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, que suman un total de 1.232 butacas adicionais para a exhibición cinematográfica do noso país.

“Para a Consellería de Cultura e Educación –continuou Jacobo Sutil– a finalidade desta rede é contribuír á promoción das obras galegas no noso territorio xunto con outros títulos nacionais e internacionais avalados por festivais e premios”. Deste xeito, búscase “un achegamento do público ao cine como manifestación cultural e, ao mesmo tempo, unha percepción do audiovisual feito en Galicia contextualizado dentro das restantes cinematografías do mundo, ademais de recuperar o hábito de ver cinema na gran pantalla”, asegurou.

Financiamento
Outra das finalidades desta rede, que vén a reforzar tamén o importante labor de difusión cinematográfica que realizan os cineclubes na nosa comunidade, é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Neste sentido, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.

Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para un máximo de oito sesións por municipio. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial asumirán o 50% restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco deste programa. A recadación da billeteira será integramente para os concellos.

Comparte