Nova: Publícase Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro, unha escolma de Camiño Noia

22/11/2014

Publícase Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro, unha escolma de Camiño Noia

A profesora é a autora da escolla, introdución e comentarios da obra, publicada na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia

  • Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro

Mondoñedo (Lugo), 22 de novembro de 2014.-  Presentouse hoxe en Mondoñedo Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro, unha obra que ofrece “unha lectura renovada do Cunqueiro serodio, tocada xa a súa plenitude creadora por un pouso de saudade”. Así o afirmou durante o acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou que a obra, publicada co apoio do goberno galego, dá conta da “proxección dun escritor irrepetible”.

Camiño Noia é a autora da selección, introdución e comentarios da obra. Xunto coa catedrática de Filoloxía Galega, participaron no acto de presentación o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, e César Cunqueiro. O acto tivo lugar en Mondoñedo, concello natal de Álvaro Cunqueiro, “unha figura fundamental para as letras galegas e tamén un dos nomes con influencia profunda na literatura dos ámbitos culturais nos que nos inserimos”, asegurou o secretario xeral.

Trinta poemas de Álvaro Cunqueiro viu a luz na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia, “unha peza fundamental para ofrecerlle a potencia da nosa escrita ao público contemporáneo, e na que agora se insire un título destinado a brillar con luz propia neste espazo de excelencia literaria”, dixo Anxo Lorenzo.

Esta escolma de trinta poemas tenta mostrar os distintos vieiros que chegan á intimidade, agochada e compartida, do poeta. A profesora Camiño Noia, que considera que o éxito de Álvaro Cunqueiro como narrador empeceu a difusión da súa poesía de madurez, dificultando que gozase dela un amplo lectorado, realiza nesta obra unha revisión crítica da poesía do autor na súa plenitude creadora e ofrece unha interpretación sobre a íntima relación do escritor de Mondoñedo coa súa obra.

Comparte