Nova: O director canadense Joël Beddows impartirá un curso de posta en escena en Santiago

25/11/2014

O director canadense Joël Beddows impartirá un curso de posta en escena en Santiago

Ata o 28 de novembro está aberto o prazo de preinscrición neste encontro, dirixido a actores e directores escénicos, que se desenvolverá do 12 ao 23 de xaneiro de 2015

Responsable do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa, Beddows posúe unha aclamada traxectoria como director teatral no seu país
 

  • O director canadense Joël Beddows O director canadense Joël Beddows

Santiago, 25 de novembro de 2014.-  O director e profesor canadense Joël Beddows impartirá en Santiago de Compostela un curso de posta en escena do 12 ao 23 de xaneiro de 2015. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nesta actividade formativa dirixido tanto a actores como a directores teatrais, o encontro achegaralles aos participantes unha reflexión práctica sobre o proceso de creación escénica, ademais dunha serie de técnicas de perfeccionamento no ámbito da dirección.

As persoas interesadas en realizar este curso –unha das iniciativas de colaboración inseridas no programa de actividades do Centro Dramático Galego para a temporada 2014-15– teñen de prazo ata este venres día 28 para preinscribirse na Secretaría do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC (teléfono 881 811 840 e correo electrónico luis.lorenzo@si.usc.es). A continuación, do 1 ao 12 de decembro abrirase o período para a formalización da matrícula.

Teatro e outras formas de arte
Ademais de posuír unha intensa e aclamada traxectoria como director teatral no seu país, Beddows é responsable do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa e desde 2006 dirixe unha cátedra sobre francofonía canadense, a través da que se está a investigar na relación entre o teatro e outras formas de arte, como a poesía contemporánea. Como director artístico do Théâtre La Catapulte, afondou tamén no seu compromiso cos artistas emerxentes francófonos da provincia de Ontario.

Autor dunha ampla obra teórica, na súa faceta creativa mestura o seu labor de dirección cunha profunda reflexión dramatúrxica, teórica e histórica, combinación que se reflicte na súa capacidade para explicar e aplicar a relación da teoría e a historia do teatro coa práctica escénica inmediata.

O límite como oportunidade
O curso que impartirá en Santiago de Compostela articularase arredor de dúas nocións contrapostas, pero paradoxalmente asociadas ambas ao proceso creador de calquera director: os límites e a liberdade. Así, partindo da idea de que o director contemporáneo se enfronta a unha serie de realidades (materiais, técnicas, financeiras, espaciais ou artísticas) que poden ser percibidas como obstáculos no seu proceso creador, os alumnos levarán a cabo unha serie de exercicios prácticos encamiñados a inverter esta tendencia. O obxectivo desta primeira parte do encontro será, pois, demostrar en que medida o espírito creador permite atopar neses límites oportunidades para renovar o discurso artístico.

Nunha segunda parte, afondarase nunha reflexión práctica sobre como a partir dunha linguaxe artística se pode crear unha linguaxe escénica. Por último, as diferentes actividades conducirán o alumnado a comprender en que medida a súa propia relación coa práctica é un límite do que se poden liberar, e como a súa práctica se define polo compromiso cun pensamento persoal ou cun procedemento formal, ao mesmo tempo que pola súa ruptura e a súa posta en cuestión.

Lecturas recomendadas
Para levar a cabo a análise e os exercicios propostos, recoméndaselle aos participantes a lectura previa de varios textos que lles serán remitidos trala formalización da inscrición: a obra de ciencia ficción Le testament (O testamento), de Michel Ouellette; a simbolista Les aveugles (Os cegos), de Maurice Maeterlinck; e o texto decadente Visage de feu’ (Cara de lume), de Marius von Mayenburg. Así mesmo, deberán memorizar un poema contemporáneo da súa elección cun mínimo de oito versos.

O prezo da matrícula neste curso de posta en escena con Joël Beddows é de 100 euros e, trala súa finalización, o alumnado obterá un diploma emitido pola Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte