Nova: Aberto o prazo para que as escolas se inscriban no Voluntariado de Lectura

25/11/2014

Aberto o prazo para que as escolas se inscriban no Voluntariado de Lectura

Procura actitudes colaborativas e solidarias por parte dos escolares para converter as bibliotecas en centros de recursos de información, de alfabetización dixital e de dinamización da lectura

  • Comeza a segunda edición do Voluntariado de Lectura A Comeza a segunda edición do Voluntariado de Lectura A

Santiago, 25 de novembro de 2014.- Comeza a segunda edición do programa Voluntariado de Lectura A, unha iniciativa dirixida a promover as actitudes colaborativas e a solidariedade no marco da biblioteca escolar que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou por primeira vez o pasado ano en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar. Así, ao igual que ocorreu no curso 2013/2014 esta iniciativa está integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, polo que todos os estudantes participantes recibirán un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.

O programa está dirixido a alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria dos centros educativos públicos e intégrase na estratexia do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para dinamizar as bibliotecas escolares como centros de recursos de información, de alfabetización dixital e de dinamización da lectura, tanto para o propio alumnado como para as súas familias, baixo o paraugas do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe. O obxectivo é estimular o voluntariado cultural a través de actividades de colaboración na propia biblioteca e mesmo de lectura compartida organizadas dentro ou fóra do centro, coa posibilidade de incorporar a participación de outros sectores da comunidade educativa.

Os centros interesados poderán presentar a súa solicitade ata o 15 de decembro e terán ata o 25 de abril de 2015 para remitir á Consellería a memoria das actividades desenvolvidas ao longo do curso, todas elas dirixidas a inculcar a solidariedade no alumnado. De entre todos os participantes seleccionarase a un máximo de 50 nenas e nenos, con representación das 4 provincias galegas, que participarán nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no Centro Residencia Docente da Coruña entre maio e xuño do ano próximo.

No curso 2013/2014 participaron nesta iniciativa un total de 44 centros educativos, dos que 4 - os CEIP José María Lage (Ortigueira, A Coruña), Plurilingüe de Covas (Viveiro, Lugo), Filomena Dato (Barbadás, Ourense) e Manuel Sieiro (Crecente, Pontevedra)- foron seleccionados para participar nas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura. Neste encontro os participantes asistiron a diversos obradoiros, nos que se incidiu nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros; e puideron presentar as actividades desenvolvidas neste aspecto en cadanseu centro.

O profesorado implicado valorou a iniciativa Voluntariado de lectura-A, afirmando que o alumnado participante ao longo do curso no grupo de colaboradores da biblioteca escolar adquiriu habilidades sociais e de traballo en equipo, mellorou a súa competencia lingüística, gañou autonomía, aprendeu a tomar decisións en grupo, a organizar actividades pensadas no beneficio dos outros, a ser máis responsable e cumplir cos compromisos adquiridos. En definitiva, colaborar na biblioteca escolar é unha actividade que axuda á formación do alumnado como lector, como estudante e como cidadán.

Modalidades
Voluntariado de Lectura-A ten tres modalidades: Colaboración coa biblioteca escolar, Ler con... D e Ler con... F. A primeira delas vai dirixida ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro.

Pola súa parte, Ler con... D (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras).

No caso de Ler con... F (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello, como con anciáns nas residencias de maiores, lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio.

Comparte