Nova: O Gaiás exhibirá obras de Francia, Alemaña e Portugal na mostra máis ambiciosa sobre a Xeración Nós con máis de 300 pezas
19/06/2020
O Gaiás exhibirá obras de Francia, Alemaña e Portugal na mostra máis ambiciosa sobre a Xeración Nós con máis de 300 pezas
Medio cento de institucións e coleccionistas privados contribuirán nun proxecto colectivo chamado a ser unha das grandes citas culturais do ano en Galicia
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta semana nunha reunión de traballo cos comisarios da exposición
Será a segunda gran exposición do Goberno galego na Cidade da Cultura ao abeiro do Xacobeo 2021 e organízase en colaboración coas Deputacións de Ourense
Trala súa estancia no Museo Centro Gaiás –entre outubro de 2020 e xaneiro de 2021–, a mostra exhibirase tamén no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense) e ao Museo Provincial de Pontevedra
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020.- A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia –para seren exhibidas no Museo Centro Gaiás– obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
Galicia de Nós a nós será a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras Galicia, un relato no mundo– e inaugurarase a comezos do mes de outubro, despois de que tivese que ser reprogramada a data inicial –prevista para esta primavera– polos efectos da crise sanitaria da covid-19. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participaron nunha reunión de traballo cos comisarios da exposición –o investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña– e coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.
Na reunión foi presentada tamén a imaxe gráfica da exposición, realizada por Álvaro Valiño, un deseño que contribuirá ao obxectivo da mostra de refrescar e actualizar a imaxe e relevancia de figuras como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, coa ollada posta no público xeral e especialmente nas xeracións más novas. Deseñador gráfico, infografista e ilustrador, Valiño ten colaborado con publicacións como National Geographic, The Washington Post ou The Guardian. O seu traballo foi recoñecido con máis de 30 premios Malofiej, o galardón máis prestixioso da infografía xornalística.
Proxecto de país
Con Galicia, de Nós a nós, a Xunta contribúe tamén a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto ceden obra para a exposición un total de 51 institucións –catro delas internacionais, dúas do resto de España e as restantes 45 de Galicia– e 8 prestadores privados. Entre as institucións galegas que contribúen á exposición atópanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, as tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Catedral de Ourense, a Biblioteca de Galicia, entre outras.
Ademais, Galicia, de Nós a nós, tralo seu paso pola Cidade da Cultura –onde se poderá visitar entre o 2 de outubro de 2020 e o 17 de xaneiro de 2021–, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), entre febreiro e abril de 2021, e no Museo de Pontevedra entre maio e xullo de 2021.