Nova: A Xunta adxudica traballos de restauración e conservación en Santa María a Maior de Pontevedra por máis de 275.000 euros
26/06/2020
A Xunta adxudica traballos de restauración e conservación en Santa María a Maior de Pontevedra por máis de 275.000 euros
A intervención terá un prazo de execución de catro meses e permitirá corrixir o deterioro deste inmoble e restaurar elementos ornamentais de carácter singular
Realizarase unha intervención harmónica e acorde co nivel de protección deste ben de interese cultural en cubertas, cresterías e vidreiras
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020.- A Xunta vén de adxudicar no día de hoxe a Obras Gallaecia os traballos de restauración e conservación preventiva nun dos inmobles máis recoñecibles do patrimonio arquitectónico pontevedrés, a basílica de Santa María a Maior. A actuación centrarase na envolvente do inmoble e a corrección de afeccións e consolidación dos elementos pétreos de carácter ornamental; mobilizará un investimento de máis de 275.000 euros e terá un prazo de execución de catro meses.
Con esta intervención preténdese reparar o actual deterioro de certas partes da basílica que acolle á primeira parroquia da cidade, especialmente das cubertas, para eliminar a entrada de auga de chuvia por canles, terrazas e faldróns. Tamén se van mellorar as condicións de ventilación interior a través da actuación nas carpinterías das vidreiras superiores e garantirase a estabilidade e seguridade da crestrería perimetral de remate da cuberta.
Neste sentido, está previsto realizar un cambio de tella da cuberta e a reposición dalgunhas placas deterioradas, así como reparar as canles de evacuación da auga da cuberta, que se vai impermeabilizar, xunto coa terraza da torre do campanario. As actuacións previstas inclúen tamén a restauración das carpinterías das vidreiras e da crestería de remate da cuberta, así como a incorporación de ventilación permanente. Finalmente, acometerase a limpeza e rexuntado con morteiro de cal das fachadas sur e da ábsida.
Singular promoción mariñeira
Esta intervención permitirá garantir a protección e conservación deste templo de estilo gótico tardío-plateresco, con influencias do estilo manuelino portugués e renacentista, situado na zona alta do conxunto histórico da cidade. A basílica iniciou a súa construción a finais do século XV ou principio do século XVI nunha zona na que previamente existiu unha igrexa románica, dominando o río e aberta ao barrio da Moureira, na que se asentaban os mareantes, cuxo gremio promoveu e custeou as obras.
O referido gremio foi a entidade civil máis antiga de Pontevedra e a primeira entidade gremial asociada ao mar en España. Contou cun gran poder económico, produto da actividade pesqueira e os seus derivados como o peixe prensado, fundamentalmente a sardiña, e o aceite obtido do seu prensado. A pesares dos notables recursos, a propia envergadura do proxecto fixo que a súa construción se prolongara durante arredor dun século e tiveran que recibir axudas de fidalgos que construíron as súas propias capelas.
BIC desde 1931
O templo, que goza da consideración de ben de interese cultural coa categoría de monumento desde 1931, ten planta basilical con tres naves distribuídas en tres tramos. Tanto a nave central como o transepto están cubertos con bóvedas de complicadas crucerías rematadas con múltiples claves historiadas e douradas. Acaroadas ás naves laterais atópanse varias capelas cunha relativa diversidade tipolóxica, conta así mesmo cunha soa ábsida poligonal.
Entre os elementos de interese destaca a magnífica portada de estilo plateresco que, a modo de tapiz, queda enmarcada entre dous contrafortes. Da fina labra das figuras e motivos decorativos do conxunto, resaltan os grupos escultóricos da Asunción da Virxe e o do Tránsito. Na factura de Santa María participaron destacados arquitectos e mestres de obra como Diego Gil, Juan de los Cuetos, Cornelis de Holanda ou Domingo Fernández.
Das intervencións recentes compre destacar o remate da torre en pleno século XIX, a redución da tribuna efectuada por Pons Sorolla na década dos 50 do XX e o tratamento das pátinas de César Portela, a principios dos anos 90.