Nova: Un libro recupera a figura do galeguista Leandro Carré

26/11/2014

Un libro recupera a figura do galeguista Leandro Carré

No volume, Xosé Manuel Maceira Fernández recompila o inxente labor cultural do galeguismo coruñés, desde o século XIX ao período democrático

Deuno a coñecer esta tarde o secretario xeral de Política Lingüística nun acto que se celebrou na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

  • Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou o libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2014.- A sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPHI) acolleu a presentación do libro Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso, da autoría do profesor Xosé Manuel Maceira Fernández. Trátase dun extenso volume publicado por Alvarellos Editora en coedición coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que recupera a figura esquecida de Leandro Carré Alvarellos (A Coruña, 1888-1976) e o inxente labor cultural do galeguismo coruñés, desde o século XIX ao período democrático.

No acto de presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou “a figura e o labor de Leandro Carré como un dos máis importantes galeguistas e activistas culturais do momento histórico que lle tocou vivir, con gran relevancia no proceso de promoción social da lingua galega desde as Irmandades da Fala, desde Lar ou desde os estudos filolóxicos”.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado polo autor; polo editor, Henrique Alvarellos; e mais polo coodinador científico do CRPIH, Manuel González.

A produción do polígrafo coruñés
A obra Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso, de Xosé Manuel Maceira Fernández, estuda a súa produción atendendo aos diferentes xéneros literarios, integrando de xeito cronolóxico a obra editada e a inédita e considerando o contexto sociolóxico da creación e da recepción de crítica e de público.

O autor trata tamén a extensa obra ensaística do polígrafo coruñés con vocación de activista cultural, que se detivo na investigación da literatura popular, da etnografía, do folclore, das tradicións, das lendas ou da mitoloxía galega. Á marxe da reivindicación cultural e lingüística, reflite o importante labor institucional e de servizo á filoloxía galega levado a cabo por Carré Alvarellos, eido este último ao que lle dedicou esforzos e contributos desde a primeira década do século XX ata o derradeiro dos seus artigos. En definitiva, Maceira Fernández revisa en Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso a historia literaria e cultural desde o século XIX, á luz dos contributos do grupo coruñés.

Polo demais cómpre lembrar que o 29 deste mes hai 90 anos que a histórica editorial Lar, fundada na Coruña por Leandro Carré e Ánxel Casal, deu a lume a primeira das súas publicacións: A miña muller, de Wenceslao Fernández Florez, nun volume con capa da autoría de Camilo Díaz Baliño, sobre cuxo deseño orixinal (que presidiría a imaxe da editorial Lar) se elaborou a capa actual do ensaio Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso.

O autor e o Centro Ramón Piñeiro
Xosé Manuel Maceira Fernández (Orazo – A Estrada, 1964) é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, catedrático de lingua galega e literatura e actual director do IES de Cacheiras (Teo). É autor dos volumes “A literatura galega no exilio” (1995), “O nacionalismo cívico” (2007) e das antoloxías, VVAA: Literatura da diáspora bonaerense (1997) e Leandro Carré Alvarellos: obra inédita e esquecida (2006). No ano 2006 gañou o Premio Carvalho Calero na modalidade de investigación lingüística e literaria cun estudo reinterpretativo do contributo das Irmandades da Fala.

O Centro Ramón Piñeiro, no que tivo lugar a presentación, é un órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que ten como fins promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Na actualidade centra as súas liñas de investigación, ademais de nos estudos de fraseoloxía, en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, en estudos de prosa e poesía medieval, na recuperación e análise de publicacións literarias e en proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva, entroutros.

 

Comparte