Nova: Novas obras de mellora na catedral de Tui

27/11/2014

Novas obras de mellora na catedral de Tui

As actuacións irían dirixidas a acondicionar dependencias para o seu uso cultural e a completar o arranxo das cubertas, coas que o investimento na restauración deste templo se eleva a máis de un millón de euros

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou novas obras de mellora na catedral de Tui O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou novas obras de mellora na catedral de Tui
  • Xesús Vázquez en Tui Xesús Vázquez en Tui
  • Xesús Vázquez en Tui Xesús Vázquez en Tui
  • Xesús Vázquez en Tui Xesús Vázquez en Tui
  • Xesús Vázquez en Tui Xesús Vázquez en Tui

Tui (Pontevedra), 27 de novembro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou que o seu departamento ten previsto realizar novas actuacións nas cubertas e que, ademais, enviará ao Ministerio de Fomento o proxecto das obras no conxunto catedralicio dirixidas a acondicionar dependencias para o seu uso cultural.

Nunha visita ás obras que se están a acometer, Vázquez Abad puxo así de manifesto o compromiso do departamento que dirixe con este Ben de Interese Cultural ao impulsar este proxecto perante o Ministerio. Deste xeito o investimento neste templo entre Xunta e Goberno central elévase a máis de un millón de euros. “Ademais –sinalou– a Consellería colaborou tamén na elaboración do libro-disco que recupera as partituras máis antigas do arquivo da Catedral de Tui; e realizou a restauración do libro pontifical da Diocese de Tui-Vigo, unha xoia do século XIV”.

Respecto das obras que neste momento se están a realizar o conselleiro explicou que teñen como obxectivo o tratamento das fábricas pétreas da Torre de San Andrés, Campanario e Salón do Trono e a protección do arquivo catedralicio. Así mesmo substituiranse algunhas carpinterías, revísanse os canlóns e enchumbados da zona norte do Conxunto catedralicio, e estase a realizar un estudo dos movementos estruturais e estudos previos das pinturas murais da Sala Capitular Gótica. Previamente, no ano 2013, a Consellería realizou diversas actuacións de limpeza e impermeabilización e retellado nas cubertas das torres da Catedral, da Sala Capitular, do Pazo da Contadoría, do presbiterio e capela de San Telmo, do Triforio norte e do Transepto norte.

Durante a visita acompañaron ao conselleiro o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; o deán da Catedral, José Diéguez Dieppa; e o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.

Actuacións previstas
Segundo explicou Vázquez Abad unha vez se rematen os traballos que están neste momento en execución o obxectivo é poder avanzar no proxecto das novas actuacións previstas. En concreto prevese completar a restauración da cuberta do pazo episcopal, o saneamento das xuntas da fábrica mediante a limpeza e retirada de morteiros de cemento e substitución dos mesmos por morteiros de cal, a reparación das reixas e o saneamento do pavimento, e a reparación ou substitución das carpinterías de madeira, segundo o seu estado de conservación. “Todas estas actuacións van dirixidas á remodelación das instalacións existentes para o seu uso con fins culturais, de tal forma que a cidadanía poda disfrutar de novos espazos desta xoia da arte medieval galega”.

 

Comparte