Nova: Xornadas homenaxe a Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

28/11/2014

Xornadas homenaxe a Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

A Xunta organiza este encontro, coa colaboración da Deputación de Ourense, o Centro PEN Galicia e o Liceo

  • Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento

Ourense, 28 de novembro de 2014.- A presentación hoxe das Xornadas Eduardo Blanco Amor no 35º aniversario do seu pasamento contaron coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. Trátase dun encontro que se enmarca no abano de actividades que a Consellería vén impulsando ao longo do ano para render homenaxe á figura do intelectual ourensán. O departamento de Cultura da Xunta organiza estas xornadas do 1 ao 3 de decembro no Liceo de Ourense por encargo do Centro PEN Galicia, para o que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do propio Liceo.

Segundo explicou o conselleiro o obxectivo destas xornadas é “difundir entre a cidadanía o incalculable valor da obra, o labor cultural e a impronta vital deste home que, como el mesmo afirmou, escribiu para a xente, ‘pra a xente do noso pobo, pra a xente que nos arrodeia’”. Neste sentido salientou a calidade dos poñentes e amosouse convencido de que “entre todos eles poderán trazar un novo retrato de ‘Eduardo’, alguén tan próximo e tan descoñecido á vez, exemplo de versatilidade, cuxa investigación nunca deixa de revelarnos novas facetas, como eses miles de fotografías que aínda fican en boa parte inéditas e que son froito dunha ollada distinta e á vez complementaria á das súas letras, pois Blanco Amor é un creador total”.

O encontro comezará cunha ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco de Ourense na que intervirán o xornalista Siro López, o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; así como representantes do Concello e da Deputación Provincial de Ourense, e alumnado de educación secundaria de centros da provincia. O mesmo día 1 o Salón Nobre do Liceo acollerá o relatorio de apertura no que o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, afondará a relación do escritor con Manuel Azaña e Federico García Lorca, ao tempo que ofrecerá unha mirada á obra de Blanco Amor desde a perspectiva da sociolingüística. Así mesmo, Víctor Freixanes presentará o libro ‘A moneca de Blanco Amor’, de María Xosé Queizán; e María do Ceo e o pianista Xavier Vaz ofrecerán unha actuación musical baseada en poemas musicados do autor.

O día 2 será a quenda para analizar a pervivencia da escrita de Blanco Amor, nunha mesa redonda moderada por Armando Requeixo que contará coa participación de Bieito Iglesias, Damián Villalaín e Luís Pérez Rodríguez. As xornadas pecharanse o día 3 coa mesa redonda ‘EBA: a lembranza dos amigos’, moderada por Luís González Tosar coa intervención de Maribel Outeiriño, Nemesio Barxa e Carlos Laíño.

Ao acto, ademais do conselleiro, asistiu tamén o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; o director do Liceo de Ourense, Javier Casares; e o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar.

Un ano de homenaxes
As xornadas hoxe presentadas enmárcase no conxunto de actividades que a Xunta vén apoiando ao longo deste ano para render homenaxe a Eduardo Blanco Amor, tales como a estrea a pasada semana da película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, para a que a Consellería de Cultura e Educación, a través de AGADIC, fixo unha achega de 335.000 euros en concepto de axudas á produción ou coprodución audiovisual en lingua galega con marcado contido artístico e cultural.

Con motivo do aniversario do pasamento de Blanco Amor, está prevista tamén a edición, en colaboración do diario La Región, dunha compilación dos escritos do autor publicados no xornal. Tamén se traballa na recompilación da correspondencia que distintos persoeiros enviaron a Blanco Amor e que se atopa na Biblioteca Provincial de Ourense.

Pola súa banda, lectorados de galego de diversas universidades do mundo ocuparanse de traducir diversos textos do escritor. Farano no marco do proxecto da Consellería de Cultura e Educación ‘Letras Galegas no mundo’, que se abriu este ano coa tradución de Nimbos, obra do poeta homenaxeado este 17 de maio de 2014 Xosé María Díaz Castro.

Ademais a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas dedicouse o pasado mes de xullo ao autor ourensán, un evento no que se inaugurou unha instalación alusiva á obra do escritor, creada por Acisclo Manzano e Acisclo Novo.

 

Comparte