Nova: O sector editorial galego participa na Feira do Libro de Guadalaxara
29/11/2014
O sector editorial galego participa na Feira do Libro de Guadalaxara
Galicia está presente neste evento cultural de referencia, no que os escritores Miguel Anxo Murado, María Solar e Luis Pousa lle achegarán ao público a literatura galega a través de presentacións e mesas redondas
Os ilustradores David Pintor e Itziar Ezquieta ofrecerán charlas e talleres no stand de Galicia
Santiago, 29 de novembro de 2014.- O sector editorial galego estará presente desde hoxe e ata o vindeiro 7 de decembro na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara 2014, en México, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O stand de Galicia dará a coñecer as novidades de preto de 30 editoriais galegas, entre as que se inclúen Alvarellos, Galaxia, MC Sports, Xerais, Bululú, Kalandraka, Nova Galicia Edicións, OQO editora, Urco Editora, Trifolium, Hugin e Munin, Ideas Propias, Triqueta Verde e Baía Edicións.
Máis de 600 escritores de diversos países está previsto que se dean cita neste evento cultural de referencia, entre os que se inclúen nomes das letras galegas como os de María Solar, Miguel Anxo Murado e Luis Pousa, xunto cos ilustradores David Pintor e Itziar Ezquieta. Eles serán os encargados de difundir a literatura e a creatividade galegas a través dun completo programa de actividades que se desenvolverán en diversos espazos da feira entre o 1 e o 4 de decembro.
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano 150.000 euros na promoción do sector do libro galego no exterior a través do apoio deste departamento á participación das editoriais galegas en 4 feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e nesta de Guadalaxara (México).
Actividades sobre literatura e ilustración galegas
A actividade central será a mesa redonda sobre a creación literaria galega que terá lugar o día 2 de decembro e na que intervirán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto con María Solar, David Pintor, Luis Pousa e Miguel Anxo Murado. O stand de Galicia será outro dos escenarios da programación da feira. Concretamente, acollerá a presentación da obra ‘Breviarios del bus’, de Luis Pousa; a charla de David Pintor sobre a viaxe que inspirou un álbum ilustrado e o taller para o público infantil ‘Xogando coa ilustración’, que impartirá Itziar Ezquieta.
Escritores, axentes, editores de máis de 40 países, libreiros, bibliotecarios, profesores, promotores de lectura e lectores participarán durante nove días na vixésimo oitava edición da feira, que contará con Arxentina como país convidado.
Proxección internacional da industrial editorial galega
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2014 incluíu a presenza de Galicia nas feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Frankfurt e de Guadalaxara (México).