Nova: O Gaiás acollerá unha exposición sobre o Camiño de Santiago con obras de Durero, Tiziano e Murillo
29/11/2014
O Gaiás acollerá unha exposición sobre o Camiño de Santiago con obras de Durero, Tiziano e Murillo
A mostra incluirá pezas procedentes dalgúns dos museos máis prestixiosos de Italia, Francia, Hungría, Alemaña ou Polonia, como a Galeria Ufizzi de Florencia ou o Quai Branly de París
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2014.- A Fundación Cidade da Cultura vén de acadar acordos de patrocinio por valor de 500.000 euros que permitirán financiar ao cento por cento a vindeira exposición internacional do Museo Centro Gaiás: Camiño de Santiago. A mostra, que se inaugurará o 13 de marzo de 2015, reunirá obras de xenios como Durero, Tiziano ou Murillo, entre outros grandes mestres da historia de arte, pezas que chegarán a Santiago procedentes dalgúns dos museos máis prestixiosos de Italia, Polonia, Hungría, Alemaña, Francia e Portugal, ademais de diferentes puntos de España e Galicia.
A Galería Ufizzi de Florencia, o Patriarcado de Venecia, o Musée du Quai Branly de París ou Museo de Belas Artes de Hungría son algunhas das institucións que colaboran con esta nova exposición, que contará tamén co Museo do Prado, Museo de Belas Artes de Bilbao ou de Valencia, entre outras institucións españolas, así como con pezas procedentes de recoñecidos centros culturais e relixiosos de Galicia.
O proxecto suporá avanzar na posta en valor dun dos principais activos culturais e turísticos da nosa comunidade: o Camiño de Santiago. A exposición centrará o seu discurso en ofrecer respostas ás razóns da existencia do Camiño, afondando na historia do Apóstolo, no orixe das peregrinacións e nas razóns de que unha tradición milenaria siga non só viva, senón medrando cada día.
Captación de fondos privados
Desde a aprobación do Plan Gaiás, a captación de patrocinios figura como unha das prioridades do modelo de xestión da Cidade da Cultura, sempre co obxectivo de conseguir que a actividade cultural do complexo se soporte con recursos privados e non con cargo aos orzamentos públicos.
A cantidade de 500.000 euros procede dos acordos de patrocinio acadados con máis dunha decena de empresas e se irán dando a coñecer nos próximos días. Ademais, contarase de novo co apoio da Fundación privada Gaiás, como é habitual na programación cultural da Cidade da Cultura de Galicia.
Coa captación destes patrocinios, a Fundación Cidade da Cultura achégase ao obxectivo fixado nos proxecto de lei dos orzamentos da comunidade para 2015 no que prevé que no ano 2015 obterá ingreso por valor de 2,05 millóns de euros.
Os patrocinios permitirán financiar integramente unha exposición que, debido a súa dimensión internacional e o valor das obras, terá no transporte destas obras desde os seus puntos de orixe ata o Museo Centro Gaiás unha das partidas mais destacadas xa que é necesario contar cunha empresa que garanta a prestación deste servizo cumprindo os maiores estándares de seguridade e calidade.
Con este obxectivo, a Fundación Cidade da Cultura vén de convocar un concurso para adxudicar o contrato cun importe de licitación de 204.467,50 euros mais IVE, con cargo
-como o resto dos gastos da exposición- aos patrocinios. Este contrato englobará non só o transporte, senón a construción das embalaxes especiais para este tipo de obras de arte, o operativo de embalaxe e desembalaxe, a planificación de rutas así como a xestións dos correos das institucións cedentes de obras.
Incremento de actividade no Gaiás
O incremento no número de visitantes e nos servizos públicos localizados na Cidade da Cultura obrigan a reforzar o servizo de información ao público e atención ao visitante para dar resposta a esta nova demanda.
A día de hoxe son 409.707 as que se teñen achegado no que vai de ano á Cidade da Cultura, o que supón que se ten superado o obxectivo de 400.000 fixado para este ano. A cifra reflicte un incremento de 41.429 visitantes a respecto do ano pasado. Se a comparamos cos 331.892 do 2011, primeiro ano que o Gaiás se abríu ao público, o incremento de case un 19%.
De xeito paralelo, a Cidade da Cultura ten incrementado os servizos públicos, coa chegada da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), da Axencia Galega para a Modernización de Galicia (AMTEGA), o CPDI, os servizos de Arquivos e Bibliotecas da Xunta de Galicia, así como traballadores do Consello da Cultura e da Real Academia Galega. O Gaiás acolle tamén novos proxectos como o Espazo de Coworking ou o Viveiro de Empresas, e o espazo de Crowdworking xestionado xunto a Telefónica. En total son mais de 400 as persoas que traballan actualmente na Cidade da Cultura.
Para dar resposta a este incremento de actividade vense de revisar o sistema de atención ao público co fin de mellorar a súa eficacia. O novo modelo suporá reunir nun contrato este servizo, en lugar da contratación evento por evento.
Deste xeito, se conseguirá unha maior eficiencia no gasto e se garantirá unha mellor atención aos visitantes e usuarios de servizos do Gaiás. A adxudicación deste contrato, que suporá a creación de 8 postos e traballo, levarase a cabo por un procedemento de licitación aberto que parte dun importe de 190.310,95 euros máis IVE.