Nova: A Xunta catalogará a mámoa que quedou ao descuberto logo do incendio de Toén garantindo así a súa protección
13/08/2020
A Xunta catalogará a mámoa que quedou ao descuberto logo do incendio de Toén garantindo así a súa protección
Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural visitaron o xacemento e traballan xa na acreditación do notable valor cultural do ben
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2020.- A Consellería de Cultura e Turismo catalogará a mámoa que quedou ao descuberto na parroquia de Moreiras, no concello ourensán de Toén, de resultas do último incendio forestal sufrido nesta zona. Este procedemento garantirá a protección futura do devandito ben megalítico.
A xefa territorial, Sandra Quintas, e técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural visitaron co alcalde, Ricardo González, representantes da Comunidade de montes veciñais de Moreiras-Trelle e os informantes do achado o xacemento. Froito desta visita tense redactado xa unha ficha para avanzar na catalogación e proposta de inclusión no planeamento municipal deste ben. Neste caso, a queima corroborou os indicios toponímicos que apuntaban a presenza dun patrimonio desta natureza, posto que a paraxe na que se sitúa o conxunto chámase A Medoña.
Da devandita visita, tiráronse unha serie de conclusións provisionais como o feito de que mámoa de Moreiras sexa un túmulo de notables dimensións, cun diámetro aproximado de 28 metros e unha altura de 2,5. Nel obsérvanse os restos da súa coiraza granítica e unha cámara da que se recoñecen a pedra de cabeceira e dúas laterais, así como outras dúas de calzo. Ademais, o radio oriental, lixeiramente máis largo que o occidental, podería indicar que se trata dun túmulo con corredor. Finalmente, o elemento presenta evidencias de saqueo histórico, o lateral norte atópase alterado e os restos da coiraza da mámoa amoreados sobre o túmulo.