Nova: Obras de restauración na capela da Soidade, en Lugo

04/12/2014

Obras de restauración na capela da Soidade, en Lugo

O obxectivo é solucionar os problemas que o mal estado da cuberta lle están a causar ao templo, así como recuperar as fiestras góticas da colindante igrexa de San Pedro

  • Igrexa capela da Soidade Igrexa capela da Soidade

Lugo, 4 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 167.000 euros na restauración da capela da Soidade ou da Venerable Orde Terceira de Lugo. Así o anunciou esta mañá o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, nunha visita ao templo, na que estivo acompañado polo alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; por Manuel Urbano, ministro da Orde Franciscana; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mª Carmen Gueimunde. As obras están neste momento en fase de adxudicación, polo que poderían iniciarse no primeiro semestre de 2015.

Segundo explicou o conselleiro, as actuacións irán dirixidas a substituír con un novo deseño a cuberta, de xeito que permita solucionar os seus actuais problemas de conservación. A restauración da cuberta da Capela da Soidade ademais de corrixir a patoloxía que este inmoble está a sufrir, inclúe unha modificación mínima da cuberta, de xeito que sexa posible recuperar, cando menos parcialmente, a función orixinal das fiestras góticas da igrexa do antigo convento franciscano, hoxe igrexa parroquial de San Pedro, actualmente afectadas polo trazado da cuberta desta capela, e a súa lectura polo exterior.

“Esta intervención – dixo o conselleiro- é unha mostra máis do compromiso desta Consellería co Patrimonio Cultural da Cidade de Lugo, xa manifestado a través de feitos como o convenio que asinamos hai unhas semanas para a instalación dun ascensor na Muralla, que eleva a máis de 2,7 millóns de euros o investimento deste departamento da Xunta neste monumento Patrimonio da Humanidade nos últimos cinco anos”.

Recuperación das fiestras
A igrexa da Venerable Orde Terceira, coñecida como a da Soidade, xurdiu no século XVII da necesidade de ter un lugar propio de reunión os menores relixiosos e os terceiros seculares, que viñan a desenvolver o seu culto xuntos na igrexa conventual de San Pedro. De feito, a capela apóiase nos muros da igrexa de San Pedro, que lle serven de estrutura portante. Ademais, a construción no seu día desta capela e da súa cuberta obrigou a pechar e anular as fiestras da igrexa, que esta restauración procura mellorar.

O conxunto edificado do antigo convento de San Francisco de Lugo foi declarado monumento polo Decreto do 3 de xuño de 1931, polo que ten a consideración de Ben de Interese Cultural, BIC. ademais, por formar parte do conxunto monumental da igrexa parroquial de San Pedro, está recoñecida no Plan Especial do conxunto histórico de Lugo que lle outorga o máximo nivel de protección.
 

Comparte