Nova: A Xunta vén de adxudicar as obras de reparación e mellora na igrexa de Ventosa cun importe próximo aos 41.500€

19/08/2020

A Xunta vén de adxudicar as obras de reparación e mellora na igrexa de Ventosa cun importe próximo aos 41.500€

As actuacións na fachada, cubertas, carpintarías e drenaxe permitirán solucionar os problemas de filtracións e humidade neste templo que foi cualificado como “catedral rural de Galicia” por Filgueira Valverde

A execución durará un mes e medio e será levada a cabo pola empresa Taboada Construcións e Proxectos

As devanditas obras dan continuidade ás efectuadas polo Goberno galego no ano 2000, cando se levou a cabo unha ambiciosa rehabilitación deste ben incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para reparar os danos provocados polo paso do tempo na igrexa de Ventosa, en Agolada, por un importe próximo aos 41.500 euros. Trátase dunha actuación que dá continuidade aos traballos acometidos no ano 2000 para rehabilitar e poñer en valor este templo e que, nesta ocasión, se centrará en solucionar os problemas e filtracións e humidades e será executado pola empresa Taboada Construcións e Proxectos.

Seguindo o informe previo, establécese que é preciso actuar sobre a fachada, as cubertas e a carpintería, así como mellorar a drenaxe perimetral co obxectivo de reparar os danos e evitar que aparezan novas humidades.

Avanzar nunha mellor conservación

Concretamente, os estudos detectaron restos de humidade tanto no chan como no interior do templo provocados por falla de ventilación e un problema de condensación. Para solucionalo, está previsto crear un sistema de drenaxe que sirva como complemento ao deseñado na anterior intervención e que permita dar unha mellor cobertura á recollida de augas superficiais mediante a realización dun canelón que aproveite a pendente natural do terreo. De xeito complementario, procederase ao levantamento de tellas para limpar e sanear a zona co fin de introducir unha lámina de zinc que impermeabilice a cuberta.

Ademais de solucionar os problemas de humidade, estas actuacións tamén permitirán manter unhas condicións climáticas estables que propicien unha adecuada conservación preventiva tanto do templo como da importante colección de esculturas medievais, murais e elementos decorativos que alberga esta igrexa cualificada polo erudito pontevedrés Xosé Filgueira Valverde como “catedral rural de Galicia”.

Solución aplicada noutros bens

Na zona da sancristía, tamén afectada por filtracións de auga, aplicarase unha solución que xa se utilizou noutros bens coma, por exemplo, a igrexa de San Martiño de Cores, en Ponteceso, e que consiste na introdución dunha lámina de zinc que permita cubrir máis lonxitude que a peza actual co fin de evitar a entrada de auga.

Os traballos na igrexa de Ventosa tamén inclúen diversas intervencións sobre os elementos de carpintería que se viron afectados polo paso do tempo e polo efecto das condicións climatolóxicas. Neste sentido, repararanse as pezas que estean en mellor estado, como as portas principais das fachadas oeste ou norte ou as fiestras, e se cambiarán as que están peor conservadas.

A intervención prevista complétase coas actuacións de limpeza e encintado que se levarán a cabo prestando especial coidado ás cornixas e permitirán eliminar a vexetación da fachada e recuperar os elementos pétreos.

Comparte