Nova: Bota a andar o Culturgal con máis de 70 expositores e 150 actividades
05/12/2014
Bota a andar o Culturgal con máis de 70 expositores e 150 actividades
Arte contemporánea, deseño, artesanía, ‘gastrocultura’ e unha programación especial para bebés son os novos espazos da feira, que se suman aos habituais de cinema, libro, escena, música, novas tecnoloxías e contidos infantís
Pontevedra, 5 de decembro de 2014.- O Culturgal 2014 inaugurou hoxe a súa sétima edición desta Feira Galega das Industrias Culturais, que se desenvolve ata o vindeiro domingo día 7 no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde participan 70 expositores con 150 actividades. No acto de apertura participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen definiu o evento como unha “demostración de forza” deste sector en Galicia, que durante o ano pasado deu emprego a 24.300 persoas e acadou 4.102 empresas rexistradas.
O titular de Cultura e Educación referiuse ás cifras recollidas no último ‘Anuario de Estatísticas Culturais’ do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que, no caso das industrias culturais e creativas galegas, reflicte un cambio de tendencia en 2013 respecto do ano anterior, cun aumento do 13,5 por cento en canto ao nivel de emprego e do 1,45 por cento en número de empresas. Así mesmo, lembrou que os datos de 2013 sitúan a actividade económica da cultura galega no sexto lugar do Estado, só superada por Madrid, Cataluña, País Vasco, Navarra e Baleares, ao tempo que abren a porta á “esperanza de que este poida ser o punto de inflexión que marque unha nova etapa de crecemento das nosas industrias culturais”.
O talento creativo como motor económico e social
“A celebración de Culturgal é o momento idóneo para lembrar que o sector cultural, á par que xestiona unha materia prima tan prezada como o talento creativo, orixina e sustenta postos de traballo e xera beneficio económico e social ata o punto de acadar unhas cifras que, hoxe en día, o sitúan nada menos que como o terceiro sector produtivo industrial dentro da Unión Europea”, asegurou.
Vázquez Abad estivo acompañado neste acto inaugural polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, en representación dos distintos departamentos da Consellería que colaboran directamente co evento, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia como unha das súas principais entidades patrocinadoras. Tamén participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado.
Asistiron, así mesmo, os representantes dos organismos profesionais que integran a asociación Culturgal –Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet)–, aos que o conselleiro lles trasladou o apoio do seu departamento no camiño conxunto de “estimular progresivamente o gasto dedicado ao consumo cultural; ademais de acadar que os libros, os discos, as películas, os espectáculos, os concertos, os materiais tecnolóxicos e demais produtos culturais pensados ou fabricados en Galicia teñan cada vez máis presenza na nosa vida cotiá”.
Ferramentas de apoio
Neste sentido, asegurou que a política cultural da Xunta mantén como prioridade dar unha “resposta efectiva ao dinamismo do propio sector” e lembrou algunhas das ferramentas promovidas con este fin: desde as axudas para proxectos en fase de financiamento, apartado no que a finais de 2014 se terán adxudicado 4.010.000 euros a través da Agadic, ata a colaboración na promoción e distribución dos bens e servizos culturais dentro e fóra de Galicia. “Algunhas destas iniciativas –continuou– difundirémolas precisamente desde o noso ‘stand’en Culturgal, ao igual que nestes momentos estamos a facer en dúas relevantes misións internacionais: a Feira do Libro de Guadalaxara (México) e o mercado audiovisual Ventana Sur de Bos Aires”.
En representación da Consellería, a Secretaría Xeral de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Agadic e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia achegan distintos materiais promocionais, publicacións e soportes web e audiovisuais ao expositor co que a Xunta de Galicia se presenta este ano en Culturgal, que en 2013 congregou máis de 14.000 persoas. Desde este espazo, convídaselles aos visitantes a apostar polo consumo cultural, recreando ao longo de catro estancias consecutivas un escenario teatral, un estudo de gravación, unha sala de cinema e outra de lectura.
Máis de 150 actividades
Con máis de 150 actividades e 70 expositores de empresas, asociacións e entidades públicas, este ano o encontro amplía horizontes para chegar a novos sectorescomo a arte contemporánea, o deseño e a artesanía, ademais de incorporar a ‘gastrocultura’ e unha programación especial para bebés aos seus xa habituais espazos dedicados ao cinema, ao libro, á escena, á música, ás novas tecnoloxías ou aos contidos infantís.
A carteleira de música ao vivo volverá contar tamén cun espazo destacado na programación que se desenvolverá no auditorio e na carpa instalada no Pazo da Cultura, no marco da que se presentarán, entre outros, os últimos proxectos de Caxade xunto á Banda de Música de Bandeira e de Guadi Galego.