Nova: Preséntase a biografía Carlos Casares. Compromiso con Galicia

12/12/2014

Preséntase a biografía Carlos Casares. Compromiso con Galicia

Unha obra de Denís Vicente Rodríguez na que se fai un percorrido pola traxectoria deste insigne ourensán, escritor e articulista

  • O escritor e articulista Carlos Casares O escritor e articulista Carlos Casares

Ourense, 12 de decembro de 2014.- Hoxe presentouse en Ourense a biografía Carlos Casares. Compromiso con Galicia, unha obra de Denís Vicente Rodríguez na que se fai un percorrido pola traxectoria deste insigne ourensán, escritor e articulista.

O conselleiro asistíu a esta presentación, na que loou a figura de Casares como “gran renovador da nosa narrativa” e dixo sentirse “privilexiado” de participar nun acto que “ten moito de lembranza e de homenaxe; de admiración renovada por un creador que animou, cunha enerxía portentosa , a imaxe cultural de Ourense e de Galicia, para se facer o seu espazo como escritor libre de límites e fronteiras”.

Vázquez Abad aproveitou a súa intervención para lembrar o apoio institucional do departamento que dirixe aos autores galegos máis sobranceiros. Precisamente -explicou o conselleiro- a obra de Casares ocupa espazos destacados “co seu nome nos fondos que conserva a Biblioteca de Galicia no Monte Gaiás” así como “coa súa escrita, á que se achegan cada curso as sucesivas promocións escolares do noso ensino” e con programacións específicas como é o caso da representación de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas que o Centro Dramático Galego achega ao público infantil e xuvenil.

O conselleiro concluíu a súa intervención manifestando o seu agradecemento ao autor da obra, Denís Vicente, por condensar “o que significa Carlos Casares para Galicia”, así como á editorial Ir Indo “por traer ao seu catálogo un título máis, dos que contribúen a lle dar forma e vida á nosa cultura”.

No acto celebrado en Ourense estivo presente o propio autor do libro, Denís Vicente; o responsable da Editorial Ir Indo, Bieito Ledo; o irmá do escritor ourensán, Xavier Casares, así como Alfonso Vázquez Monxardín e Luís González Tosar.
 

Comparte