Nova: A Xunta realizará novas actuacións de limpeza e conservación do Castro de Santa María de Cervantes

25/09/2020

A Xunta realizará novas actuacións de limpeza e conservación do Castro de Santa María de Cervantes

Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento

O Goberno galego estuda ademais outras actuacións como a realización de novas escavacións para afondar no coñecemento científico do xacemento

O conxunto, declarado BIC pola Xunta hai un ano, está integrado, ademais de polo poboado castrexo, por unha necrópole que se remonta cando menos ao século XIV

 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020.- A Xunta realizará novas actuacións de limpeza, conservación e consolidación no Castro de Santa María de Cervantes. Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, nunha intervención Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego na que puntualizou que os traballos comezarán na primeira semana de outubro e terán un prazo de execución de tres meses.

En concreto, detallou que estes traballos permitirán a restauración da área escavada coa finalidade de favorecer a súa visita e posta en valor. Entre as actuacións que se acometerán destacan os traballos de limpeza e roza do conxunto e do xacemento arqueolóxico, así como tarefas de conservación e consolidación de muros, pavimentos e outras estruturas nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados. Do mesmo xeito, instalarase un panel informativo das características do xacemento, realizaranse accións de difusión dirixidas tanto á veciñanza da zona como á comunidade científica e interesada no patrimonio cultural galego.

A responsable de Patrimonio Cultural do Goberno galego explicou que, xunto con esta actuación, o seu departamento traballa noutras actuacións futuras na zona entre as que destaca a realización de novas escavacións arqueolóxicas que permitan afondar no coñecemento científico do xacemento e aumentar a área de visita.

Poboado dos séculos I e II

O castro de Santa María de Cervantes, declarado Ben de Interese Cultural en outubro do 2019, é un poboado castrexo romanizado de funcionalidade fundamentalmente mineira, datado nos séculos I e II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, por unha igrexa, unha necrópole medieval que se remonta cando menos ao século XIV e por importantes restos de explotacións mineiras auríferas de época romana na súa contorna inmediata.

Precisamente, de cara á súa declaración como BIC, a Xunta promoveu na zona traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a súa delimitación que acreditan os valores culturais sobranceiros da zona arqueolóxica do Castro de Cervantes, en especial o seu valor no proceso de transición das culturas prerromanas ao mundo romano.

 

Comparte