Nova: A Xunta licita a segunda fase da restauración do reloxo mecánico do S.XVIII e do campanario do mosteiro de San Clodio

28/09/2020

A Xunta licita a segunda fase da restauración do reloxo mecánico do S.XVIII e do campanario do mosteiro de San Clodio

A actuación inclúe a desmontaxe e restauración das campás e da estrutura así como a iluminación da cámara do reloxo con focos led, entre outras actuación

Unha vez adxudicada, terá unha duración máxima de tres meses, e darase continuidade aos traballos iniciados no monumento no ano 2017

 

Ourense, 28 de setembro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de licitar cun investimento de preto de 30.000 euros a segunda fase da restauración do reloxo mecánico do S.XVIII e do campanario de forxa do mosteiro de San Clodio, en Leiro, un investimento que suporá unha mellora estrutural deste ben catalogado e que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.

Unha vez adxudicada, a restauración terá unha duración máxima de tres meses e con ela dáse continuidade aos traballos realizados pola Xunta de Galicia en 2017 nunha primeira fase de restauración. Naquel momento retirouse a capa de ferruxe que o cubría e que ocultaba as numerosas inscricións históricas que posúe e que dan información do seu valor histórico.

Agora, os traballos centraranse no reloxo que está en funcionamento pero cómpre iniciar unha 2ª fase de restauración para devolverlle a súa funcionalidade como elemento sonoro. Para iso, será preciso restablecer a súa conexión cos martelos precursores responsables de dar as horas e os cuartos ao golpear as campás situadas nunha estrutura de ferro de forxa situada no alto da torre do campanario.

Menos desgaste da maquinaria

Debido ás modificacións efectuadas ao longo do tempo na cuberta, así como á posible localización orixinal das campás dentro do campanario (actualmente no alto da torre), a traxectoria dos tiros que accionaban os martelos da torre para o toque das campás viuse modificada e agora resultaba imposible, por causas técnicas, recuperar o sistema orixinal. Para solucionalo, optarase por utilizar fotocélulas para enviar un sinal eléctrico a uns motores situados no alto da torre.

Deste xeito, os traballos propostos manterán o principio mecánico que caracteriza os reloxos históricos pero evitarán o incremento do tamaño das pesas e desgaste da maquinaria. As actuacións incluirán, entre outros traballos, a instalación de dúas fontes de alimentación así como contactores de manobra e a iluminación da cámara do reloxo mediante focos led activados por detector de movemento.

Tamén se prevé a desmontaxe das campás das horas e dos cuartos da súa estrutura para actuar sobre elas. Ademais, aplicarase unha capa anticorrosión ao conxunto da estrutura portante das campás, elementos decorativos e sistema de martelos de gravidade, entre outras actuacións.

De interese cultural desde os 80

Con estes traballos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade dá continuidade ao seu traballo de recuperación e mantemento do patrimonio histórico de Galicia. Neste caso, o mosteiro de San Clodio foi declarado monumento histórico artístico e Ben de Interese Cultural na década dos 80.

A igrexa do mosteiro, que leva o nome da Santa María, é de estilo gótico e conta con tres ábsidas en correspondencia coas naves. A imaxe da Virxe ocupa o retablo maior e destaca a fachada barroca do antigo palacio abacial.

 

Comparte