Nova: A escavación impulsada pola Xunta en Proendos saca á luz os primeiros restos arqueolóxicos deste xacemento da Ribeira Sacra
30/09/2020
A escavación impulsada pola Xunta en Proendos saca á luz os primeiros restos arqueolóxicos deste xacemento da Ribeira Sacra
O Goberno galego realiza esta intervención co obxectivo de descubrir restos dunha vila romana na contorna da igrexa parroquial do concello lucense de Sober
A intervención comezou esta mesma semana e xa apareceron os primeiros muros, localizados a un nivel moi superficial
Sober (Lugo), 30 de setembro de 2020.- A escavación arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia no xacemento de Proendos xa está dando os primeiros resultados despois das primeiras xornadas de traballo. Así, a intervención que se iniciou esta mesma semana xa sacou á luz os primeiros restos das estruturas das edificacións localizadas a un nivel moi superficial.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade decidiu iniciar esta actuación debido a transcendencia dos resultados obtidos na prospección xeofísica levada a cabo polo concello de Sober no ano 2019, unha intervención que permitiu constatar a existencia de complexas estruturas baixo terra en todas as parcelas prospectadas, posiblemente encadrables a maioría delas na época romana.
Ademais, esta intervención deu a coñecer a existencia de, polo menos, un complexo termal de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas. Os traballos tamén achegaron datos en relación tanto a fases anteriores, como un posible foso defensivo, quizais vinculable a elementos castrexos, como posteriores, con posibles tumbas e elementos funerarios medievais na contorna da Casa Reitoral de Proendos.
Favorecer a investigación na Ribeira Sacra
Neste sentido, o Goberno galego está a impulsar os traballos arqueolóxicos no xacemento de Proendos coa finalidade de favorecer a investigación deste importante espazo enmarcado na Ribeira Sacra, unha paisaxe que conta coa declaración de Ben de Interese Cultural e que é candidata a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Dita actuación, que conta cun prazo de execución previsto de dous meses e unha intervención de campo de dez días, consistirá na realización dunha serie de sondaxes arqueolóxicas avaliativas naqueles puntos que teñen un maior interese histórico-arqueolóxico, como son a zonas da posible existencia dunha ábsida, dun pavimento/mosaico, de almacéns tipo horrea e dun hipocausto.
Ademais da propia intervención arqueolóxica, tense previsto levar a cabo diferentes accións de divulgación dos traballos arqueolóxicos realizados nas que se fará constar a colaboración e financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.