Nova: A Xunta inicia un estudo sobre as pesqueiras e muíños do río Miño co obxectivo de poñer en valor as construcións subacuáticas

04/10/2020

A Xunta inicia un estudo sobre as pesqueiras e muíños do río Miño co obxectivo de poñer en valor as construcións subacuáticas

A actuación centrarase en facer unha recompilación da documentación e un estudo etnográfico na zona agora que o caudal está en niveis máis baixos

O proxecto complétase coa realización dun voo fotogramétrico que documente topograficamente os restos dos antigos pobos de Portomarín e Ferreiroá

Portomarín (Lugo), 4 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de iniciar un estudo sobre as pesqueiras e muíños existentes no leito do río Miño, entre a antiga vila de Portomarín e o antigo pobo de Ferreiroá, coa finalidade de documentar a arquitectura e detalles que encerran este tipo de construcións que son parte esencial da historia deste río e que normalmente se atopan baixo a auga.

Concretamente, a actuación centrarase en facer unha recompilación da documentación co obxectivo de afondar na evolución histórica de estes elementos. Para iso, realizarase unha enquisa etnográfica que recolla o testemuño das persoas que posúan coñecementos deste tipo de elementos e analizarase a súa situación de conservación aproveitando que o caudal está en niveis máis baixos e que, polo tanto, poden visitarse.

O proxecto complétase coa realización dun voo fotogramétrico, unha acción que permitirá documentar topograficamente a área de aproximadamente 3 quilómetros na que se atopan os restos dos antigos pobos de Portomarín e Ferreiroá e onde están xa catalogadas 12 pesqueiras e un muíño. Dito voo farase cunha precisión de alta calidade intentando ofrecer con maior detalle as zonas onde se sitúan as ruínas.

En total, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, achega preto de 15.000 euros a esta intervención que se prolongará durante dous meses.

Compromiso coa conservación e restauración

Esta actuación enmárcase no compromiso da Administración autonómica coa conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural e que se reflicte no importante esforzo orzamentario que fai o Goberno galego para levar a cabo accións de protección en bens culturais de toda a Comunidade. No caso da provincia de Lugo, por exemplo, están en marcha accións como a levada a cabo en Portomarín, a que se iniciará nos vindeiros días no Castro de Santa María de Cervantes ou a que se está levando a cabo actualmente na igrexa de San Pedro de Lugo.

Comparte