Nova: As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós
21/10/2020
As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo reciben o Premio Otero Pedrayo 2020 en homenaxe á Xeración Nós
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron hoxe na xuntanza do xurado
Este premio cultural, o máis lonxevo de Galicia, está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.- As fundacións Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo son os gañadores da edición dos Premios Otero Pedrayo 2020, que recoñecen o seu papel de difusión do legado dos principais persoeiros da Xeración Nós. Así se decidiu hoxe na reunión do xurado na que participaron de xeito telemático o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ademais, fixéronse dúas mencións, unha ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (centro museístico do Estado e de xestión autonómica), e outra ao Concello de Cambados.
A entrega do Premio Otero Pedrayo será o 30 de outubro en Ourense, se a situación sanitaria o permite. Está promovido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. Instaurouse en 1977, converténdose no premio cultural máis lonxevo de Galicia, e ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
Este recoñecemento ás catro fundacións coincide co centenario da publicación da Revista Nós. Trátase dunha efeméride que a Xunta de Galicia está a conmemorar durante este ano cun amplo abano de actividades -entre as que se inclúen a exposición Galicia, de Nós a nós que pode verse na Cidade da Cultura de Galicia- e que serven para para poñer en valor a importancia deste grupo de intelectuais na construción do legado cultural da Comunidade galega.