Nova: A Xunta inicia a prospección arqueolóxica para documentar o xacemento do Carreiro-Marzán en Foz
09/11/2020
A Xunta inicia a prospección arqueolóxica para documentar o xacemento do Carreiro-Marzán en Foz
A campaña prolongorase durante dous meses e centrarase no treito do litoral comprendido entre as praias da Rapadoira e de Peizás
A actuación enmárcase no proxecto iniciado pola Consellería de Cultura e Educación para avaliar os efectos da erosión costeira en diferentes restos
Foz (Lugo), 9 de novembro de 2020.- A Xunta de Galicia iniciou hoxe en Foz as prospeccións arqueolóxicas para documentar e caracterizar a época á que pertencen os diferentes restos do sitio arqueolóxico do Carreiro-Marzán, un xacemento que abarca tres penínsulas costeiras e no que existen restos murais e evidencias materiais da Idade de Ferro e ao período romano.
A campaña, que se prolongará durante dous meses, centrarase no treito do litoral comprendido entre as praias da Rapadoira e de Peizás co obxectivo de comprobar o actual estado das seccións do terreo nas que se documentaron estruturas e materiais arqueolóxico en anos anteriores, así como xeolocalizar as diferentes bocas e galerías mineiras existentes antes de que a erosión mariña elimine os rexistros que se conservan.
Ademais, nunha segunda fase, realizaranse dúas sondaxes arqueolóxicas valorativas co fin de caracterizar a cronoloxía dos restos neste sitio arqueolóxico. A actuación completarase con accións divulgativas para difundir os resultados obtidos e a posta en valor do xacemento arqueolóxico na comunidade local.
Cantís de forte pendente
Cómpre lembrar que o treito de costa sobre o que se actuará está dominado por unha liña de cantís de forte pendente no que se inxiren pequenos entrantes en forma de cala e no que se documentaron varias aberturas e mesmo unha galería de explotación mineira feita con instrumentos metálicos. Neste espazo, aínda que non foron descubertos materiais arqueolóxicos que permitan determinar a cronoloxía destas minas, si se documentaron na superficie restos asociados a material arqueolóxico do período castrexo ou romano.
A actuación levada a cabo no concello de Foz enmárcase no proxecto de control xeométricos e monitorización de xacementos arqueolóxicos na Mariña lucense que iniciou a Consellería de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no ano 2016 co obxectivo de avaliar os efectos da erosión costeira en diferentes sitios arqueolóxicos da comarca.